Primeiros pasos para que o vello colexio do Casal xa sexa historia
Por Redacción
As picarañas comezaron a actuar sobre os dous edificios que formaban o antigo colexio do Casal, en Noalla. O centro, construído en 1964, leva anos nun estado ruinoso e a súa demolición era unha demanda de toda a parroquia.
A estrutura que albergou o recinto educativo e as vivendas dalgúns profesores foi utilizada, posteriormente, por unha asociación de veciños.
Serviu mesmo unha tempada de colexio electoral, pero hai máis de 30 anos que non ten ningún uso e a estrutura estaba seriamente danada.
A parcela de 1.158 metros cadrados quedará libre esta semana de ambas as construcións.
O custo da demolición ascende a 29.000 euros.
Trátase da segunda estrutura municipal que se derruba en Noalla nos últimos meses.
A finais do mes de decembro do ano pasado demolíanse as vellas escolas do Tombelo, tamén con data de construción de 1964, nunha parcela de 1.120 metros cadrados.
O inmoble estaba declarado en ruína e supoñía un grave problema de insalubridade e de seguridade para os veciños máis próximos que desde hai anos reclamaban a súa derriba.