Empeza a demolición da caseta exterior da subestación de Vilalonga
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo iniciou esta semana, tal e como estaba previsto, a demolición da caseta exterior da subestación eléctrica de Vilalonga.
Os traballos está previsto que conclúan tras as festas do Nadal coa retirada de entullos, da torreta eléctrica e do peche perimetral. A derriba desta edificación permitirá recuperar esta zona para os veciños e veciñas da parroquia xa que se axardinará toda a superficie, instalarase unha marquesiña e habilitarase unha parada de autobús.
A saída desta caseta dunha das entradas á parroquia prodúcese grazas a un convenio de cesión de espazo de Unión Fenosa Distribución durante 99 anos, que é o período máximo legal permitido. Con este acordo coa empresa eléctrica, o executivo sanxenxino poderá converter a parcela nun espazo público, mellorar a seguridade viaria da rúa principal de Vilalonga e arrombar a imaxe da entrada principal ao núcleo urbano coa colocación dunha marquesiña, unha parada do bus e unha zona verde.
Esta mesma semana tamén concluía a demolición das edificacións do antigo colexio de O Tombelo en Noalla. Un inmoble que se atopaba en estado de ruína e non era posible a súa rehabilitación xa que a estrutura estaba moi danada. Nos próximos días, procederase á retirada de entullo e á plantación de céspede para o goce dos veciños.
Ambos os edificios son dos anos 60 e a súa derriba contribuirá á mellora dos espazos municipais.
Non serán os únicos edificios que pasarán pola piqueta, o Concello ultima agora o proxecto para a escola unitaria de O Casal que tamén se atopa en moi mal estado. Tras a demolición, recuperarase como espazo público.
Relacionadas:
-
Tres millóns para mellorar a subestación de Vilalonga e soterrar as súas liñas eléctricas
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para que o vello colexio do Casal xa sexa historia
Por Redacción |
-
As vellas escolas de O Tombelo desaparecerán "en cuestión de días"
Por Redacción |
-
Os edificios das escolas de O Tombelo e a subestación de Vilalonga serán historia antes de 2022
Por Redacción |