Agallasos para bebés coa finalidade de fomentar a educación en galego en Cuntis
Por Redacción
Xornada de agasallos aos máis pequenos de Cuntis. O alcalde Manuel Campos e a concelleira de Cultura Conchi Campos, acompañados polos concelleiros Ana Loureiro e José Fernández, entregaban no Centro Patelas durante este sábado caixas con diversos materiais de establecementos do municipio ás familias de bebés nados en Cuntis durante o ano 2021 e estes tres primeiros meses de 2022.
Esta iniciativa atópase integrada na campaña 'Fai o galego viral no comercio local'. Con fondos da Deputación de Pontevedra preténdese potenciar o uso da lingua galega entre a infancia, ao mesmo tempo que se promociona o comercio de proximidade con estes agasallos ás familias que estiveron de parabén durante os últimos meses.
A entrega contén unha manta "soñando en Galego", unha toalla "Chapuzando en Galego", un babeiro "Larpeiriñ@", un Bodi "soñando en Galego", un suxeita chupete " quen non chora, non mama", un medidor "medrando en galego", un álbum "o meu primeiro ano", un libro de nanas, un libro "Arturo e Clementina" sobre a igualdade, unha lámina de "recordo de nacemento", un adhesivo para coche "meniñ@ a bordo", un folleto "tendas para meniñ@s en Cuntis", un paquete de toalliñas ecolóxicas e dez cueiros ecolóxicos.
A concelleira Conchi Campos lembrou a importancia de promover a lingua de Galicia desde a infancia porque se atopa en "evidente declive" e cada vez é menos utilizada entre os menores. Para tentar reverter esta situación, a administración local realiza esta proposta que axuda a promocionar aos establecementos da vila termal.
Relacionadas:
-
Agasallos a dez bebés de 2022 nados en Cuntis para facer "o galego viral no comercio local"
Por Redacción |
-
O Concello de Poio e a Xunta apostan pola promoción do galego coas actividades deste ano
Por Redacción |
-
As asociacións que promovan iniciativas a favor da igualdade xa poden solicitar novas achegas da Deputación
Por Redacción |