Agasallos a dez bebés de 2022 nados en Cuntis para facer "o galego viral no comercio local"
Por Redacción
Ana Loureiro e José Treviño, concelleiros do goberno local de Cuntis, entregaban nas últimas horas unha caixa de agasallos para os dez bebés nados na vila desde xaneiro deste 2022. O acto desenvolvíase no Centro Patelas con motivo da campaña "Fai o galego viral no comercio local", que busca potenciar o uso da lingua galega na infancia, ademais de promover o comercio de proximidade.
O contido das caixas é de materiais con inscricións en galego. Son obxectos de uso frecuente como unha toalla, babeiro ou un medidor e outros para fomentar a actividade creativa dos pequenos como un libro de contos ambientados en Cuntis nos que se fai un especial enfoque cara aos principios de igualdade ou unha lámina de recordo do nacemento e unha tarxeta de felicitación do alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay.
A concelleira Ana Loureiro destacaba a importancia de promvoer a lingua desde o inicio da infancia porque "está en evidente declive" e afirma que cada vez é menos utilizada entre os menores. Con esta proposta, expuxo, quérese contribuír a fomentar esta práctica e animar a nais e pais a que falen cos bebés en galego; ao mesmo tempo que se busca a difusión do comercio local, animando ás familias para realizar as súas compras en comercios de Cuntis.