A rápida intervención dos bombeiros impide a propagación dun incendio nunha nave en Cambados
Por Redacción
O 112 alertaba ao redor das 14 horas deste xoves de que se estaba producindo un incendio industrial na nave de Galventus, empresa especializada na fabricación de pas de aeroxeradores, no polígono de Sete Pías, en Cambados.
Ao recibir o aviso, toda a dotación de bombeiros do Salnés saíu cara ao lugar dos feitos, que se atopa moi próxima á base. En só dous minutos chegaron á ubicación e ao acceder á nave, desde a que saía unha notoria fumareda, comprobaron que o lume se atopaba na parte traseira, nunha mesa de traballo na que había restos de poliéster, disolventes e madeiras.
Os profesionais lograron extinguir as lapas con rapidez e en só dez minutos controlaron unha situación que xerou unha gran expectación entre os traballadores das outras empresas do polígono.
Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais nin tampouco se produciron graves perdas polos materiais queimados, que afectaron a unha das pas e a unha pequena parte do material que empregan para fabricalas. Ademais, no momento da intervención non había traballadores no interior da fábrica, explican desde o servizo de bombeiros.
Segundo precisan desde Emerxencias Cambados, ata o lugar dos feitos achegouse tamén unha patrulla da Garda Civil para contribuír a controlar a situación.
Relacionadas:
-
Dous menores e dous adultos, atendidos por inhalación de fume tras un incendio nunha casa de Vilanova
Por Redacción |
-
Un integrante de Protección Civil, ferido ao caer cando interviña nun incendio no Grove
Por Redacción |
-
Unha veciña de Cambados sofre queimaduras nunha man ao incendiarse a cociña da vivenda
Por Redacción |