Un integrante de Protección Civil, ferido ao caer cando interviña nun incendio no Grove
Por Redacción
Un membro do servizo municipal de Protección Civil do Grove resultaba ferido durante este 6 de xaneiro ao sufrir unha caida durante a tarde cando traballaba nun operativo para extinguir o incendio que se detectou nun restaurante da vila, situado na Rúa do Mariño, no municipio do Grove.
Este efectivo colaboraba na intervención cando, por causas por determinar, caía desde unha escaleira, golpeándose contra o chan, segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112-Galicia.
A persoa sufría lesións nun brazo e foi evacuada polos servizos sanitarios ao Hospital do Salnés.
Un particular alertara ás 13.30 horas do incendio na parte superior do almacén do establecemento hostaleiro. Desde o 112 trasladábase o aviso a profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, aos Bombeiros do Salnés, ao GES de Sanxenxo, a efectivos de Protección Civil do Grove e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.
No incendio ardían plásticos, cartóns e xornais que se atopaban almacenados nas proximidades dun tubo de extracción.