Dous menores e dous adultos, atendidos por inhalación de fume tras un incendio nunha casa de Vilanova
Por Redacción
Catro persoas, entre elas dous menores de idade, recibiron asistencia médica durante a pasada noite por unha posible intoxicación por inhalación de fume tras un incendio nunha vivenda en Vilanova de Arousa.
O lume comezou sobre as 22.30 horas deste luns supostamente na caldeira da vivenda, segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.
A casa afectada é unha construción de dúas plantas no lugar da Fontenla, na parroquia de Baión.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, as catro persoas afectadas foron trasladadas polos servizos sanitarios ao Hospital do Salnés, despois de sufrir unha posible intoxicación por inhalación do fume procedente da caldeira na que se orixinou o lume.
Unha das persoas afectadas contactou co 112 Galicia para dar conta do incendio e, nada máis ter coñecemento desta situación, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Salnés, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.