‘As Nosas Mulleres’, a exposición que homenaxea as veciñas de Ponte Caldelas
Por Redacción
As nenas e nenos do CEIP A Reigosa escolleron mulleres relevantes na súa vida e organizaron con elas unha exposición, baixo o título ‘As Nosas Mulleres’, que dende este 8 de marzo e ata final de mes se pode contemplar na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.
Nais, avoas, tías ou madriñas son as protagonistas dunha exposición que o colexio da Reigosa, coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas organizou con motivo do Día Internacional da Muller.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e as concelleiras Leticia Rocha e Aurora Garrido, xunto coa directora e a xefa de estudos do CEIP A Reigosa, Estefanía Torres e Fátima Touza, inauguraron na mañá deste 8 de marzo esta mostra de máis de 50 fotografías ‘As Nosas Mulleres’.
A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura de Ponte Caldelas de luns a venres en horario de mañá e tarde ata o 31 de marzo para que toda a veciñanza poida contemplar a particular homenaxe realizada polo profesorado e o alumnado a todas as mulleres participantes, de Ponte Caldelas e a súa contorna.