Cádabo recupera o programa festivo para honrar a Santo Anxo da Garda e a San Lourenzo
Por Redacción
A nova normalidade trae consigo a celebración de numerosas festas que foron suspendidas no seu momento pola incursión da covid-19 nas nosas vidas. É o caso das festas de Cádabo, na parroquia de Santa María de Sacos, onde recuperarán este fin de semana o programa festivo en honra a Santo Anxo da Garda e a San Lourenzo.
O sábado día 5 comezarán as festas coa celebración de dous misas, ás 17:00 e ás 18:00 horas, que se alternarán con pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo. Xa á noite celebrarase a gran verbena protagonizada polas afamadas orquestras Os Satélites e La Ocaban.
Ás 10:00 horas do domingo fará a súa entrada no pobo de Cádabo a Banda de Música de Cerdedo e haberá misas cada hora a partir das 10:00. A misa solemne, cantada polo Coro de Cerdedo, será ás 13:00 horas.
O programa de festas o presentaron este venres xunto á capela de San Lorenzo o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e varios membros da comisión de festas, que adiantaron que o recinto das festas estará cuberto por unha gran carpa para evitar suspender os actos en caso de inclemencias metereolóxicas.
Pola súa banda, Cubela, agradeceu os esforzos e os traballos que leva a cabo a comisión de festas e sinalou que "sen a implicación activa da veciñanza na dinamización dos pobos e lugares e da súa participación organizativa todo isto non sería posible".