O Cádabo celebra as festas do Santo Anxo da Garda e San Lourenzo
Por Redacción
O lugar do Cádabo, na parroquia cotobadesa de Santa María de Sacos, celebra durante toda esta fin de semana as tradicionais festas do Santo Anxo da Garda e San Lourenzo, que, como é habitual, son das primeiras que teñen lugar cada ano no calendario de lecer do Concello de Cerdedo-Cotobade.
O evento foi presentado este venres no consistorio de Carballedo polo presidente, Jorge Cubela, e membros da organización.
O programa festivo arrancará o sábado 4, con misas vespertinas ás 17.00 e 18.00 horas e posteriormente cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo. Xa pola noite haberá verbena coas orquestras Gran Parada e La Oca Band. A organización, ante as posibles inclemencias meteorolóxicas, terá cuberto todo o recinto cunha carpa de grandes dimensións.
Xa o domingo, a festa arrancará ás 10.00 horas coa entrada no pobo da Banda de Música de Cerdedo e cun novo oficio relixioso, que se repetirán cada hora ata as 13.00 horas, momento fixado para a misa solemne cantada polo Coro de Cerdedo. Como é habitual, haberá postos de comida e bebida para prolongar os festexos, nos que colabora o Concello.
Cubela quixo agradecer o esforzo da comisión organizadora por sacar adiante e manter unha festa tan tradicional e tan querida no municipio e animou a todos os veciños e visitantes a que se acheguen ata O Cádabo para participar desta celebración.