Agasallan aos usuarios da Praza de Abastos de Marín con tazas coa viñeta do Día da Muller
Por Redacción
As traballadoras do sector do transporte son o colectivo homenaxeado polo Concello de Marín este ano no 8M, Día da Muller, e polo tanto son as protagonistas da viñeta que o ilustrador Luís Davila preparou para a conmemoración desta xornada na vila.
Varias concelleiras do goberno local, acompañados por representantes das asociacións de mulleres e do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, repartiron este xoves na Praza de Abastos as tazas coa viñeta serigrafiada.
Entregáronse un total de 400 unidades e volverán repartirse o propio 8 de marzo no acto institucional.
Esta é unha viñeta das oito que se levan facendo ao longo dos últimos oito anos. Unha cifra redonda que desde o CIM quixeron reflexar coa exposición itinerante "O valor do traballo das mulleres". Cada ano, un gremio profesional de mulleres é homenaxeado e nesta exposición recapitúlanse todas as viñetas con dous paneis verticais. Tamén se colocarán unhas banderolas na rúa, en distintos espazos céntricos do municipio, co historial de viñetas.
Entre outras cuestións organizadas para esta data, está o reparto nos centros educativos duns puzzles coa viñeta de Davila así coma outro material de sensibilización.
ACTO INSTITUCIONAL
O Día 8 de Marzo será o acto institucional ás 12.30 horas no salón de plenos do Concello, no que se lerá o manifesto decidido no seo do Consello Municipal da Muller.
Na véspera, o día 7, o Museo Municipal Manuel Torres acollerá ás 19 horas a proxección do documental "Nereidas", de Opromar, co que se pon en valor o traballo das mulleres investigadoras na pesca.
Relacionadas:
-
A Subdelegación do Goberno coloca a súa pancarta con motivo do Día da Muller
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Concentración feminista en Bueu para celebrar o Día da Muller o vindeiro martes
Por Redacción |
-
Unha sesión de contos deu o pistoletazo de saída á programación de Caldas polo Día da Muller
Por Redacción |
-
Barro reflexionará o 8M sobre a situación das mulleres da man de tres veciñas
Por Redacción |
-
O comercio local vai da man do Concello de Cuntis na campaña polo Día da Muller
Por Redacción |