Este 1 de febreiro ábrese a inscrición para a Pontevedrada
Por Redacción
Ás 00.00 horas deste martes 1 de febreiro ábrese o prazo para aquelas persoas que queiran inscribirse para participar na Pontevedrada 2022. A andaina deste ano celebrarase o sábado 23 de abril.
ASAMPO, a asociación que organiza este evento solidario para potenciar as doazóns de órganos, sinala que a inscrición poderá realizarse a través do correo electrónico pontevedrada@gmail.com ou a través do whatsapp no número de teléfono 602.526.978. Tamén é posible apuntarse na páxina web de ASAMPO.
Ao apuntarse debe constar o nome, apelidos, número de DNI, data de nacemento, localidade de residencia, teléfono e correo electrónico.
A entidade organizadora da Pontevedrada advirte dos gastos que é necesario cubrir para poñer en marcha esta actividade e solicita a achega solidaria de dez euros por persoa que se inscriba. A recadación irá destinada a ASAMPO. O diñeiro entregarase no momento da retirada dos dorsais. As inscricións recibidas ata o 31 de marzo ás 23.59 contarán co nome do participante no dorsal. As recibidas con posterioridade a esa data só levarán a inicial do nome no dorsal.
O prazo para apuntarse vai pecharse o mércores 13 de abril ás 22.00 horas.