Nove de cada dez vítimas de accidentes en Pontevedra durante 2021 sufriron feridas leves
Por Alejandro Espiño
Pontevedra alcanzou a "normalidade poscovid", polo menos no que a seguridade viaria se refire. Así o subliñou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, que este mércores presentou a memoria de actividade da Policía Local nesta materia.
Durante 2021, rexistráronse 6.380 denuncias a condutores, o que demostra unha "tendencia á baixa" na cidade, xa que en 2019 foran 7.445. En 2020, un ano onde todos os parámetros descenderon bruscamente ao estar limitada a circulación da poboación durante varios meses, foron menos de cinco mil.
Do total de denuncias, case nove de cada dez (5.621) estiveron relacionadas con aparcamentos indebidos. Así, 1.523 foron por facelo en espazos de carga e descarga, 1.002 en lugares reservados, 806 por non respectar os sinais e 709 por facelo sobre as beirarrúas.
Outras 759 sancións, un 12% do total, foron por manobras incorrectas de circulación. Entre elas sobresaen o uso do móbil ao volante (181), positivos por alcoholemia (168) e positivos por drogas (147), segundo consta na memoria policial.
Con respecto a estas dúas últimas variables, Vilaverde destacou que se fixeron máis probas que nunca, preto de 19.000, a pesar do cal a porcentaxe de positivos mantense por baixo do índice do 1% recomendado pola UE, ao situarse no 0,47% do total.
As rúas onde se rexistraron o maior número de denuncias foron Rafael Areses (325), Avenida de Bos Aires (243), José Malvar (202), Echegaray (194) e Barcelos (191).
MENOS ACCIDENTES DE TRÁFICO
Con respecto aos accidentes de tráfico, Pontevedra pechou 2021 con 510 sinistros. De todos eles, o 78% (398) só se saldaron con danos materiais. Houbo feridos leves en 103 accidentes, mentres que os graves rexistráronse en 8, un 1% do total.
A peor noticia é o falecemento dunha muller atropelada en Estribela, o pasado 25 de maio, aínda que Eva Vilaverde lembrou que foi nunha vía que non é do Concello senón da Xunta e que "non está tratada", é dicir, sen lombos nin pasos de peóns ou beirarrúas adecuadas.
Entre as vítimas dos atropelos que, segundo a memoria da Policía Local, son imputables aos condutores nun 83% dos casos, Pontevedra rexistrou 19 feridos leves, catro feridos graves -os que estiveron hospitalizados máis de 24 horas- e un morto.
Estes 24 atropelos de 2021 son o segundo mellor dato da serie histórica, tras os 18 de 2020. Así, en 2017 foron 42, en 2018 foron 35 e en 2019 subiron a 46.
Ademais, houbo tan só 11 accidentes con ciclistas, dos cales ningún resultou ferido grave e sete acabaron con lesións de carácter leve.
A responsable de Seguridade Cidadá destacou ademais que, en cando á sinistralidade, "non hai puntos negros" na cidade, xa que hai un "reparto máis o menos parello".
A maior conflitividade dáse nos viais máis grandes como Bos Aires, a Avenida de Compostela, Eduardo Pondal, José Malvar, a Avenida de Vigo ou a Avenida de Lugo.
Relacionadas:
-
Un cento de condutores acabaron no xulgado en 2022 por alcoholemia positiva
Por Natalia Puga |
-
Ferida unha persoa tras bater nos Praceres un autobús contra un turismo
Por Redacción |
-
Envorca un camión en Alba sen que se rexistren feridos
Por Diego Espiño & Anxo Lourido |
-
Un ciclista resulta ferido leve tras un impacto cun turismo na avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
Unha muller resulta ferida leve nun atropelo en Alcalde Hevia
Por Redacción |