A hostalería recupera os seus horarios e elimínase o "toque de non queda"
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores do novo escenario normativo anti-Covid que rexerá en Galicia a partir da próxima fin de semana.
Elimínanse todas as restricións tomadas a finais de decembro e prorrogadas despois, excepto a obrigatoriedade do certificado covid por ser "útil sobre todo" para impulsar ao vacinación.
Deste xeito, elimínanse os vetos ás reunións de non conviventes durante a madrugada, o que a Xunta definiu como "toque de non queda".
Ademais, os bares, restaurantes e cafeterías recuperan os seus horarios e poderán abrir ata a 1:00 durante a semana e ata a 1:30 durante a fin de semana. Permítese de novo consumir en barra. Tamén se permiten os cócteles de pé.
As mesas serán dun máximo de oito persoas no interior e de 15 no exterior
Pubs e discotecas tamén volven aos seus horarios co peche ás 4:00 entre semana.
Igualmente a Xunta levanta as restricións para os concertos e espectáculos, que poderán realizarse de novo de pé nas condicións anteriores.
Xunto ao conselleiro de Sanidade compareceu este mércores a directora xeral de Sáude Pública, Carmen Durán, que destacou que os medidores apuntan a unha estabilización da onda pandémica, polo que os expertos conclúen que en Galicia "estamos en fase de meseta". Ademais, a doutora Durán sinalou que ómicron xa supón o 97% dos casos analizados na nosa Comunidade.
Como adoita ser habitual nestas comparecencias tamén interveu un dos membros do Comité Clínico que asesora á Xunta durante a pandemia, neste caso foi o doutor Pedro Rascado, que insistiu en que "tenemos que seguir recordando que el virus no ha desaparecido", polo que lembrou que "ño primeiro es vacunarse" e tamén que "ahora es más necesario que nunca" o seguir mantendo as medidas básicas para controlar a trasmisión como son o uso da máscara e a manter unha boa ventilación.
Por último, o conselleiro anunciou que a Xunta avoga agora por reducir a corentena a cinco días. Defenderá esta postura na próxima semana na reunión co Goberno central e o resto de comunidades.
Relacionadas:
-
Hostelería de Pontevedra pide á Xunta que non prorrogue o certificado covid para o consumo en interiores
Por Redacción |
-
Os bares fártanse de pechar á unha e media da madrugada e esixen recuperar o horario que marca a súa licenza
Por Manu Otero |
-
O 'pasaporte covid' seguirá vixente en Galicia, polo menos, ata o 12 de febreiro
Por Redacción |
-
Un home de 77 anos procedente da Residencia Domus Vi de Ribadumia, vítima 241 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Redúcese o ritmo de descenso de casos de covid na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta permite os desfiles de Entroido pero prohíbe fumar
Por Oskar Viéitez |
-
Quinto día consecutivo con baixada de casos de covid
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O 60% dos hospitalizados no últimos catro días ingresaron por patoloxías sen relación co covid
Por Oskar Viéitez |