Trece familias de Moraña reciben axudas municipais polo coidado de menores dependentes
Por Redacción
Entre 450 e 650 euros reciben trece familias de Moraña en concepto de axudas que o Concello lles concede anualmente para colaborar no coidado de menores con algún grao de dependencia. En total, durante 2021 destináronse a este concepto preto de 6.370 euros.
Con estas axudas, segundo o alcalde de Moraña, José Cela, "procuramos dar un pequeno respiro económico a estas familias que precisan da nosa aportación e do noso compromiso".
A petición e tramitación desta prestación municipal faise da man do departamento de Servizos Sociais, que normalmente son os que identifican os casos nos que esta axuda pode aplicarse.
De cara a 2022, volverán revalidarse estas axudas a partir do mes de setembro, que é cando se abre a súa tramitación. A partida na que se engloban estas axudas, destinada á axuda social para familias e institucións sen ánimo de lucro, increméntase no orzamento do 2022 nun 20%.
“Con esta aposta e este aumento da inversión queremos trasladar esa preocupación que temos desde o goberno local pola axuda social, por atender aos nosos veciños e veciñas e que sintan que o seu Concello está para axudalos", declarou Cela.