A antiga Escola de Santa Xusta xa é a nova Casa do Maior de Moraña
Por Redacción
A antiga Escola de Santa Xusta xa ten unha parte do seu inmoble habilitado como Casa do Maior, unha iniciativa asistencial da Consellería de Política Social que dotará a Moraña de cinco prazas de asistencia diurna para persoas maiores.
O alcalde José Cela acudiu este mércores ata o lugar para comprobar a finalización das obras que se levaron a cabo para adaptar a estancia ao seu novo uso.
A Xunta financiou a adecuación das instalacións e a compra de mobiliario que permita a esta Casa do Maior ter a máxima funcionalidade para os seus usuarios. Así mesmo, a administración autonómica tamén destinará unha prima anual de 19.600 euros para o seu funcionamento.
O obxectivo, explicou Cela, "é poder ofrecer aos nosos maiores un espazo no que haxa terapias e actividades para eles e que tamén axude ás familias coidadoras á conciliación da súa vida cos coidados".
Ademais da instalación interior, chea de luz e cun espazo amplo, dotada de cociña e dunha sala de estar, os usuarios da Casa do Maior poderán desfrutar do terreo verde que ten a antiga Escola de Santa Xusta na súa parte posterior, onde tamén hai unha horta na que se poderán realizar actividades.
Aquelas persoas ou familias interesadas poderán preguntar no Concello de Moraña como acceder a unha das cinco prazas dispoñibles. Será abondo con chamar ao teléfono do Concello (986 553 005) e solicitar a derivación ao departamento de Servizos Sociais.
Para ser usuario dunha casa do maior, tal e como informou a Xunta de Galicia hai uns meses, xa non será preciso que a persoa teña recoñecido ningún grao de dependencia.