O 'Poli Paco' convértese nun exemplo a nivel nacional
Por Redacción
"Para nós é unha satisfacción que o programa escolar de educación viaria que vimos desenvolvendo con recursos municipais dende o curso 2008-2009 se converta nun exemplo a nivel nacional e que nos inviten a difundir a nosa experiencia nunha xornada especializada", sinalou o concelleiro de Seguridade Ciudadana. E é que os axentes da Policía Local responsables deste plan participarán no VII Encontro de Educación Vial que se desenvolverá o venres en Camargo (Cantabria), e que está organizado pola Federación de Técnicos de Educación Vial (Fetevi).
"Sanxenxo ocupará un lugar destacado nesta iniciativa xa que exporemos ante os participantes os recursos que empregamos para chegar dun modo máis didáctico e efectivo aos nenos e nenas", explicou Salvador Durán. Será, pois, o 'Poli Paco' o protagonista da representación que os axentes realizarán a partir das 11.40 horas no Centro Cultural La Vidriera e á que asistirán tamén 300 alumnos de 4º curso de Educación Primaria da localidade cántabra.
Este personaxe de monicreque que se incorporou ao programa o pasado mes de xaneiro "converteuse nun eixo fundamental do plan de educación viaria xa que a través del conseguimos manter a atención dos nenos e nenos durante toda a sesión teórica ao tempo que fai máis sinxela a interacción cos escolares", comentou o edil.
O boneco constitúe unha nova ferramenta pioneira en Galicia
Precisamente, isto é o que pretenden transmitir os responsables locais desta actividade aos asistentes á xornada que incluirá debates e relatorios a cargo de expertos no sector, así como unha mostra de teatro que abrirá o 'Poli Paco'. Non en van, o boneco constitúe unha nova ferramenta pioneira en Galicia coa que os axentes pretenden inculcar nocións sobre seguridade viaria aos estudantes de Infantil e Primaria.
"Ata a decoración do teatrillo está estudada para fixar nos máis pequenos as nocións sobre as que máis incide o programa na súa franxa de idade, como a importancia de levar o cinto de seguridade cando viaxan en coche, de cruzar polos pasos de peóns, ou de levar o casco en bicicleta", comentou Salvador Durán, quen aproveitou a ocasión para felicitar aos axentes responsables desta iniciativa polo labor que veñen realizando e pola súa implicación con este plan formativo.
"Este curso incorporaremos tamén novidades que presentaremos proximamente", asegurou o concelleiro.
Relacionadas:
-
Abelardo Martínez, promotor do "Poli Paco", medalla á seguridade viaria
Por Redacción |
-
O programa de educación viaria da Policía Local de Sanxenxo, premiado polo RACE
Por Redacción |
-
Sanxenxo repartirá chalecos reflectores nas súas parroquias para reducir os atropelos
Por Redacción |
-
O guiñol 'Poli Paco' ensina aos nenos educación vial
Por Redacción |