O guiñol 'Poli Paco' ensina aos nenos educación vial
Por Redacción
O Programa Escolar de Educación Vial que dende o ano 2008 desenvolve a Policía Local de Sanxenxo incorporou este martes ao seu plan pedagóxico unha nova ferramenta, pioneira en Galicia, coa que pretende inculcar nocións sobre seguridade viaria aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos.
Os axentes responsables desta iniciativa estiveron acompañados na aula de 5 anos do colexio Abrente polo 'Poli Paco', un boneco de monicreque que explicou aos asistentes, entre outras cuestións, a importancia de coñecer a dirección na que viven para poder pedir axuda en caso de perda.
Ademais das nocións impartidas por este personaxe, que sorprendeu os escolares ao coñecer os nomes de moitos deles, a sesión estivo complementada pola proxección dunha película de debuxos animados sobre como comportarse na rúa.
Outra das accións postas en marcha por primeira vez nesta xornada foi a de representar con monicreques un conto no que os protagonistas puxeron de relevancia a importancia das normas.
Esta iniciativa estenderase nos proximos días aos alumnos de 3 e 6 anos deste centro educativo situado en Adina.