Viticultores non descartan atopar nas viñas de Santa Clara cepas que son "xoias desaparecidas"

Por Alejandro Espiño
As viñas de Santa Clara foron este venres obxecto dunha primeira visita por parte de técnicos da Asociación Galega de Viticultura para poder identificar, nun futuro próximo, o tipo de variedades de uva que medran neste espazo histórico.
A agrupación, representada polo seu presidente Roberto Rivas e por un dos seus membros, Iván Bello, comentou o interesante que é poder realizar este primeiro achegamento, a ollo, á hora de entender e coñecer as cepas do lugar.
Rivas explicou que estas levan varios anos abandonadas, polo que habería que facer un traballo de poda e rexeneración co obxectivo de "saber o que temos aí".
"Realmente poderíamos falar dun traballo urxente e importante, pois ao mellor atopamos aquí, entre as cepas de Santa Clara, algunha das xoias desaparecidas na viticultura galega", apuntou o presidente da Asociación Galega de Viticultura.
Con todo, prefire ser cauto sobre as variedades que pode haber en Santa Clara e non ofrecer unha conclusión precipitada sen ter a viña rexenerada, pero avanzou que podería haber trazas identificativas nalgunhas das vides, podendo ser algunha delas albariña, mencía ou catalá.
O proceso para saber con exactitude que variedades agocha Santa Clara pasaría primeiro por unha poda rexenerativa, logo viría a realización dun seguimento durante toda unha campaña para ver que tipo de uva dan e, no caso de seguir con dúbidas unha vez vista a folla e visto o froito, "debería ser realizada unha analítica xenética" para obter unha resposta definitiva.
Relacionadas:
-
Investigadores da Misión Biolóxica identifican 163 pés de viña en Santa Clara
Por Redacción |
-
Pontevedra negociará co Arcebispado polo edificio anexo a Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Os membros do Consello Asesor do Museo móstranse "emocionados" ante a posible incorporación de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
Primeiro paso para os estudos sobre Santa Clara, "unha cápsula no tempo que durante 750 anos estivo totalmente illada"
Por Natalia Puga |