En febreiro agárdase a finalización da nova praza de Méndez Núñez
Por Redacción
A adxudicataria das obras que se realizan na praza Méndez Núñez en Portonovo sinala que se está traballando a bo ritmo e a intención da empresa é que finalicen os traballos durante o mes de febreiro, dous meses antes do período que se marcou inicialmente. Estes traballos supoñen un investimento de 112.849 euros financiados nun 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe e o 30% restante, a través de fondos municipais.
Entre os cambios que se prevén para este espazo atópase a rebaixa da pendente para convertela nunha zona accesible universalmente con superficies podotáctiles para que as persoas con dificultades visuais poidan camiñar por ela sen problemas.
Durante estas semanas instálanse as lastras deste espazo que contará cunha cor diferente ao do vial para que se poidan diferenciar os dous espazos. Tamén se está colocando un canlón que garanta a evacuación da choiva, coa idea de evitar bolsas de auga na superficie.
A praza dispoñerá de farois altos con catro puntos de luz para orientar a iluminación e mellorar a seguridade nesa zona. Ademais poñerase loureiro como árbore ornamental neste recinto. Trátase dunha árbore perenne e o goberno local de Sanxenxo quere que garanta sombra durante todo o ano nesta praza. Ademais, varias macetas de aceron situaranse en diversos puntos.
Esta obra de remodelación da praza leva implícita a eliminación do tráfico de vehículos na rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar directamente o novo espazo cos edificios existentes.
A mobilidade peonil realizarase a través de chanzos que atravesan a praza. En canto ao tráfico, os vehículos manteranse na rúa da Marina como prolongación da travesía de Santa Catalina, segundo informa o Concello de Sanxenxo.
Crearanse catro plataformas horizontais para conectar a rúa da Marina coas vivendas e locais de restauración situados neste tramo.