Remata a humanización da Praza de Méndez Núñez, en Portonovo
Por Redacción
Tras catro meses de obras, esta semana está previsto que remate a reforma da Praza de Méndez Núñez, en Portonovo.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, financiou estes traballos de urbanización e humanización que este luns visitaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
A reforma supuxo un investimento de 113.000 euros, dos que a Xunta achegou o 70% ao abeiro da orde de axudas para a creación e mellora de infraestruturas municipais en municipios de ata 20.000 habitantes.
En canto á humanización da Praza de Méndez Núñez, consistiu nunha actuación global nos seus 500 metros cadrados, na confluencia de tres rúas da vila, coa creación de catro plataformas horizontais que conectan coa rúa da Mariña e que dan acceso ás vivendas e locais de restauración desta contorna.
A obra, que pretende favorecer a mobilidade peonil coa supresión do tráfico na propia praza, incluíu muros de contención en formigón e acabados en empedrado gris, así como a diferenciación, nas rúas anexas, dos fluxos peonil e rodado, que se configurou en formigón de cor salmón.
A urbanización desta praza completouse coa dotación de diverso mobiliario urbano, como bancos, parterres con árbores, varandas metálicas como elementos de protección e luminarias.
"Xa estamos a traballar noutra mellora similar que permitirá remodelar máis de 800 metros da estrada PO-308 ao seu paso pola localidade, no treito entre o mercado e o cruce da Perla, que terá un investimento de 2,3 millóns de euros e que agardamos que poida comezar tras o verán", lembrou o representante autonómico en referencia ao convenio asinado este mesmo mes entre o Concello de Sanxenxo e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.