Os Reis Magos recibirán aos nenos de Caldas no patio cuberto do Colexio San Fermín
Por Redacción
Os nenos e nenas de Caldas teñen unha cita este mércores 5 de xaneiro cos Reis Magos, que lles recibirán durante dúas horas para recibir peticións de última hora para a noite máis ilusionante do ano.
A pesar de que a idea inicial era poder celebrar unha cabalgata en movemento, finalmente o goberno local optou por unha recepción estática que garanta as máximas medidas de prevención fronte á covid e que contará con entrega de bolsas individuais de caramelos aos nenos.
A recepción, segundo informou a concelleira María López, terá lugar finalmente no patio cuberto do Colexio San Fermín entre as 17.30 e as 19.30 horas da tarde, debido ás previsións de choiva e tamén para adaptarse ás recomendacións das autoridades sanitarias.
"Con esta recepción real finaliza a programación das festas de Nadal en Caldas, que contou con diversos concertos, música na rúa, animacións e obradoiros infantís, accións de dinamización comercial e turística, e un gran esforzo de iluminación e decoración dos espazos públicos por parte do Concello coa participación moi activa de asociacións locais e de propia veciñanza", recoñeceu a edil.