Caldas completa o alumeado de Nadal coas decoracións da veciñanza
Por Redacción
A vila de Caldas, igual que o resto das localidades galegas, xa ten acendido o alumeado de Nadal, facéndoa máis acolledora e atractiva nestas festas. Os elementos decorativos engalanan desde o pasado xoves as diferentes rúas e espazos públicos do municipio.
A todo este ornato foron sumándose as decoracións especiais elaboradas pola propia veciñanza das distintas rúas, cunha gran participación.
Como en anos anteriores a veciñanza das rúas Fornos, Igrexa, Alhóndiga e Real foron as primeiras en avanzar nas súas decoracións.
Nos últimos días sumáronse tamén as rúas da Ferrería, Souto María López, Tafona, San Roque e o Campo da Torre e moitas outras están tamén preparando os materiais.
Neste sentido, a Asociación Amigos do Nadal e a Asociación da Hostalería coa colaboración do Concello teñen convocado o segundo concurso de decoración de Nadal de xanelas, balcóns e fachadas, con premios para consumir nos establecementos comerciais e hostaleiros de Caldas.
Ademais, o comercio local e a hostalería caldense tamén fixo un esforzo de creatividade e decoración dos seus escaparates e establecementos convidando a visitar e a mercar en Caldas nestas festas de Nadal.
A maiores, son moitos os beléns que xa decoran moitos escaparates e espazos públicos de Caldas, sumándose á convocatoria da cuarta edición do concurso de beléns tradicionais nos escaparates do comercio local, organizado e patrocinado pola empresa Rogomóvil, coa colaboración da Asociación Amigos do Nadal e Caldas Centro Comercial Aberto.