Os primeiros viaxeiros do AVE a Pontevedra: "A viaxe faise curta, chegamos aquí para almorzar, así que estupendo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ás 10.55 horas da mañá deste martes, con 13 minutos de atraso sobre a hora prevista (10.42), chegou a Pontevedra a primeira viaxe de AVE desde Madrid. Fíxoo nun tren Alvia que partira de Chamartín ás 6.20 horas da mañá e que deixou unha sensación xeneralizada de satisfacción nos viaxeiros. Todos os consultados agradecen a redución de tempos, de máis de dúas horas con respecto aos servizos que non son de Alta Velocidade, e que este tren madrugador permite aproveitar xa o día en Pontevedra.
"A viaxe faise curta, chegamos aquí para almorzar, así que estupendo", recoñece Eva Parada, galega que leva moitos anos vivindo en Madrid e volve a casa polo Nadal e que recoñece, como a maioría de viaxeiros, que o traxecto Madrid-Ourense pásase voando, pero "desde Ourense, quizais é máis lento".
Esta sensación é totalmente obxectiva porque o tramo Madrid-Ourense alcanza velocidades AVE reais, mentres que desde alí ao resto das cidades galegas segue coas condicións de circulación previas. Os viaxeiros non tiveron que saír do tren en ningún momento, non se decataron deste cambio das condicións da vía.
Este primeiro tren tardou catro horas e 35 minutos en facer o traxecto, 13 máis polo atraso, pero hai outros que tardan xusto catro horas ou mesmo uns minutos máis. Este cambio non se lle escapa aos usuarios desta primeira viaxe como a Susana Gómez, que traballa en Madrid, regresa a Pontevedra "a casa, a pasar as festas" e agradece aforrar tempo de viaxe.
"É mellor porque agora mesmo estou teletraballando e agradécese chegar a casa e que che deixen tempo de marxe para poder vir", valora. En todo caso, tamén ela notou a diferenza entre o primeiro tramo ata Ourense e o segundo ata Pontevedra, "é excesivamente lento". "Desde Madrid, Castela pásase voando, pero no momento en que pasas Poboa de Sanabria, a lentitude nótase moitísimo".
Alaf Rafael, brasileiro residente en Pontevedra, ten esa mesma percepción de que "vai amodo" desde Ourense, pero outras persoas usuarias como Lorena Mata recoñece que nin se decatou. "Quedeime durmida e pasóulleme bastante rápido, tampouco me decatei demasiado", relata.
Esta muller é natural de Ponferrada e reside en Madrid desde hai anos, pero visita Pontevedra con frecuencia porque o seu pai vive en Bueu e recomenda este novo servizo. "Por fin, xa era hora", valora, e engade "o AVE voa".
Tamén o recomenda "100%" Margerite Palomino, peruana residente en Pontevedra, que cre que a viaxe agora faise "moi ameno, moi rápido" e "moito máis rápido" que o autobús e "máis barato" que o avión, que "nestas datas están carísimos".
O que máis valoran todos é o cambio con respecto aos tempos que había ata este luns e aos que se manexan noutras viaxes desde Madrid que non son AVE. Paula López mostrábase este martes especialmente satisfeita porque "estaba afeita a que durase seis horas, notas que se fai máis curto".
Relacionadas:
-
O Goberno espera que os trens Avril cheguen no verán e acurten en 20 minutos os tempos do AVE a Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Adif ampliará a protección acústica nun tramo do Eixo Atlántico na cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra agarda que o AVE non deixe "en segundo plano" as conexións dentro de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Queda inaugurado o AVE a Galicia, que permitirá chegar de Madrid a Pontevedra en catro horas
Por Natalia Puga |