Unha moza reprendida por non levar máscara tenta montar unha rebelión fronte á Policía Local e acaba detida xunto coa súa irmá
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado sábado dúas irmás que acababan de cometer presuntamente delitos de desobediencia e atentado a axente da autoridade a raíz dun incidente rexistrado na zona das rúas Marquesa e Riestra sobre as cinco e media da madrugada.
A orixe de todo foi unha intervención de axentes da Policía Local que se desprazaran ata a rúa Marquesa por unha intervención por unhas pintadas e, ao estacionar o coche patrulla na rúa Riestra, viron unha muller sen máscara.
A intervención coincidiu coa hora de peche dun local de hostalería e había na rúa unhas 200 persoas. Entre todas elas, había unha moza de 21 anos sen máscara e os axentes dixéronlle en reiteradas ocasións que a puxera, pero ela fixo caso omiso.
A moza tamén lles faltou ao respecto aos axentes con accións como botarlle o fume dun cigarro á cara a un deles, dedicándolles insultos e tentando, mediante os seus berros, que a xente que estaba pola contorna se rebelase. Ao berro de "imos á loita, represión", tentou arengar o resto dos presentes.
Os axentes solicitáronlle a documentación e informárona de que ían formular unha proposta para unha sanción por non levar máscara e por desobediencia, pero ela negouse a facilitar os seus datos. Indicou que era belga e que non se ía identificar.
Finalmente, despois de varias advertencias, a moza empezou a resistirse de forma activa, polo que os axentes tiveron que "empregar a forza mínima para metela no vehículo policial", segundo sinalaron fontes policiais.
Cando estaba dentro do vehículo policial, a muller lanzou varias patadas.
Os axentes trasladábanse ata a Comisaría da Policía Nacional coa moza cando outra muller, que resultou ser a irmá, de 27 anos, tentou abrir a porta do vehículo con intención de sacala.
Ante a imposibilidade de abrir a porta, esta moza comezou a lanzar ao coche patrulla uns valos de cor amarela que se atopaban no lugar.
Finalmente, as dúas acabaron detidas.