Estados Unidos, destino dunha de cada dúas botellas de albariño vendida no estranxeiro
Por Alejandro Espiño
A aposta "decidida" da D.O. Rías Baixas polos mercados internacionais parece dar os seus froitos. O volume das exportacións dos viños albariños creceu un 25,2% con respecto á campaña anterior. Con máis de cinco millóns de litros exportados a case 60 países, as adegas pontevedresas destinan ás vendas no exterior o 29% do viño que comercializan. Supón uns ingresos de 26,3 millóns de euros.
"El futuro está en el exterior y nuestros esfuerzos por situarnos en los mercados más importantes para este producto están dando excelentes resultados incluso en una situación de crisis como la que nos encontramos inmersos", sinalou o presidente da denominación, Juan Gil de Araujo. Todo iso sen esquecer o mercado local, dixo, aínda que recoñeceu que a subida do IVE e a baixa de soldos "ha hecho que el consumo sea cada vez más bajo".
Estados Unidos, que representa o 49% do total de exportacións tanto en volume como en valor, volve ser o mercado exterior onde os viños da D.O Rías Baixas reciben mellor acollida. Alí destináronse 2,5 millóns de litros, case o dobre do ano anterior. Noutros países do continente americano tamén van consolidando a súa presenza, especialmente en Porto Rico e México, con aumentos do 22,56% e o 10,46%, respectivamente.
Dentro da Unión Europea, Reino Unido segue sendo o maior consumidor para esta denominación. Na última campaña importou preto de 659.746 litros, o que supón un 15,8% de incremento con respecto á campaña anterior. Séguenlle a distancia Alemaña, con 341.038 litros, e Holanda, con 165.033 litros. Fóra do ámbito da Unión Europea destacan as exportacións a Rusia, onde as cifras achéganse ao cuarto de millón de litros.
No mercado asiático, onde a presenza da denominación era pouco máis que simbólica fai apenas unha década, "o crecemento é imparable", sinalan desde o Consello Regulador. A Xapón, principal destino dos viños desta denominación en Asia, exportáronse preto de 80.000 litros, o que representa un incremento dun 25,3% respecto da campaña anterior. E conseguiuse penetrar, por exemplo, en Malaisia, Indonesia ou Kazajistán.
Na actualidade, noventa adegas da denominación atópanse en plans de exportación e participan, con gran esforzo orzamentario, nas actividades organizadas polo Consello Regulador. "Nos falta que el resto de bodegas se sumen al carro de las exportaciones", explicou Gil de Araujo. Con este obxectivo, poranse en marcha novas iniciativas "para reducir las dificultades que se encuentran en el mercado exterior".
Pola súa banda, o secretario xeral da D.O. Rías Baixas, Ramón Huidobro, destacou que as cifras da última campaña, comprendida entre 1 de setembro de 2012 e o 31 de agosto deste ano, "es la recompensa a un esfuerzo de promoción en el exterior al que dedicamos el 30% de nuestros recursos". Neste sentido engadiu que "el éxito de las ventas en EE UU, uno de los mercados más exigentes del mundo, refleja la excelente calidad de nuestros vinos que están presentes en las cartas de los restaurantes más afamados del país".
Relacionadas:
-
Aumenta un 10% a exportación dos viños da D.O Rías Baixas
Por Anxo Lourido |
-
Martín Códax abre oficina en China
Por Redacción |
-
A City londiniense abre as súas portas aos viños de Rías Baixas
Por Redacción |
-
As pequenas adegas de Rías Baixas tamén queren apostar pola internacionalización
Por Redacción |
-
O albariño tamén namora o embaixador de Xapón
Por Redacción |
-
Rías Baixas remata a segunda mellor colleita da historia, con 33 millóns de quilos de uva
Por Redacción |
-
Rías Baixas aos yankis: ¡Non deixen que o xe lles intimide!
Por Oskar Viéitez |