Sanxenxo prevé aprobar o seu orzamento de 2022 antes de que acabe o ano

Por Redacción
Aprobar o orzamento de 2022 antes de que finalice este ano é o obxectivo do goberno local de Sanxenxo.
Neste sentido este xoves convocouse a primeira comisión de contas, que terá lugar o 9 de decembro, e unha segunda para o día 15 para que os portavoces da oposición municipal dispoñan do tempo necesario para estudar as cifras presentadas.
Se se cumpren os prazos previstos, as contas definitivas levaranse a votación nun pleno extraordinario da corporación o próximo día 20 de decembro.
No texto, confirma o goberno local, os ingresos e os gastos previstos en 2022 da Entidade Local, Terra, Turismo de Sanxenxo, Nauta e Ínsula sumarán unha cifra de 39 millóns de euros dos que preto de 4 millóns destinaranse a investimentos no municipio. Nesa suma total inclúense investimentos confirmados doutras administracións como o Plan Concellos da Deputación e o boulevard da PO-308 de Portonovo, cofinanciado entre Xunta e Concello.
No que respecta a as achegas doutras administracións, coa axuda da Deputación está revisto afrontar a reforma do pavillón de Baltar, a mellora do vial de Noalla – A Lanzada, a humanización da contorna do colexio de Portonovo, a humanización do vial que vai do Vinquiño a Contumil ou a mellora de seguridade viaria en Adina. Pola súa banda en 2022 a Xunta ten previsto financiar a senda fluvial de Dorrón e os fondos europeos Next Generatión sufragarán os proxectos turísticos que presentou Sanxenxo. Unhas actuacións que suman preto de 7 millóns de euros.
En canto aos servizos básicos, Sanxenxo ten previsto gastar o próximo ano 11.162.113 de euros, destacando as partidas para: a recollida de lixo, limpeza viaria e coidado de xardíns (2.959.565 euros); abastecemento, saneamento e depuración de auga (2.514.037 euros); servizos sociais (2.200.749 euros), Policía Local (1.889.850 euros); iluminación pública (799.302 euros); e o mantemento da piscina municipal (798.610 euros).