O TSXG avala as obras que ENCE fixo na fábrica sen licenza municipal en 2018
Por Alejandro Espiño
A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou as obras realizadas por Ence na súa fábrica de Lourizán, no ano 2018, que foron paralizadas polo Concello ao non pedir licenza municipal para elas.
O fallo do alto tribunal galego, que revoga unha sentenza favorable ao Concello emitida por un xulgado de Pontevedra, establece que a compañía pasteira estaba exenta de solicitar a devandita licenza, xa que as obras estaban incluídas no proxecto sectorial de supramunicipalidade.
Os traballos en cuestión consistían na revisión de caldeiras e na modificación dunha cuberta, segundo consta no informe emitido polos técnicos de Disciplina Urbanística.
A actuación municipal, que partiu de denuncias veciñais, constatou a realización destas obras sen licenza e decidiu paralizalas, pero a empresa recorreu esta orde e, aínda que perdeu en primeira instancia, agora o TSXG deulle a razón.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, defendeu este luns a actuación do Concello e anunciou que presentarán un recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Alegan que este mesmo tribunal xa ditaminou no seu día que as únicas obras que non precisan licenza municipal son as obras públicas, o que non sería o caso de Ence. "Consideramos que temos que defender as nosas competencias", sinalou Gulías.
Ademais, o Concello mantén que a Ence débeselle aplicar a mesma normativa que ao resto de empresas situadas no termo municipal de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O BNG esixe á Xunta que desista de tramitar o proxecto sectorial de ENCE en Lourizán
Por Redacción |
-
Rexeitamento municipal á petición de Ence á Xunta de modificar o plan sectorial de incidencia supramunicipal en vigor
Por Redacción |
-
Pilar Rojo pregunta no Senado pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa Ence
Por Redacción |
-
Unha nova protesta de persoal de ENCE corta durante máis dunha hora o tráfico entre Pontevedra e Marín
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A xustiza ditamina que as obras en ENCE precisan de licenza municipal
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Ordenan paralizar obras que ENCE realiza sen licenza no complexo industrial de Lourizán
Por Alejandro Espiño |