Ordenan paralizar obras que ENCE realiza sen licenza no complexo industrial de Lourizán
Por Alejandro Espiño
A denuncia dun cidadán puxo ao Concello de Pontevedra sobre a pista dunhas obras que Ence está a executar, sen licenza municipal que as habilite, no interior do complexo industrial de Lourizán. Así o acreditaron os técnicos de disciplina urbanística nunha inspección realizada o pasado 16 de maio.
O goberno municipal ordenou a Ence a paralización inmediata destas obras que, segundo o informe dos técnicos, afectan á renovación dunhas caldeiras e á modificación dunha cuberta. Para ningunha das actuacións, explican desde o Concello, a compañía pasteira solicitou a correspondente licenza urbanística.
A empresa terá un prazo de dez días para presentar alegacións ao informe municipal.
Carme da Silva explicou que se estas obras están amparadas polo plan sectorial vixente, de carácter supramunicipal, serían "legalizables" pero en todo caso Ence tería que pedir licenza porque a normativa urbanística "é aplicable a todo o mundo".
A tenente de alcalde reitera que é "radicalmente falso" que, como sostén a compañía, o plan sectorial permítalle facer obras sen licenza. Unha sentenza do Tribunal Supremo confirma que esa excepción aplícase só a proxectos supramunicipais de carácter público -como pode ser a ampliación de Montecelo- e non a iniciativas privadas.
A licenza "ten que tela", engadiu Da Silva, que recoñece que se o plan sectorial avala estas obras e se cumpren todos os requisitos urbanísticos " nós temos que concedela". O contrario, dixo, sería "prevaricación". Iso si, sospeita que non é o caso "porque senón Ence tería pedido a licenza" antes de realizar os traballos na factoría.
"O que non pode pensar Ence é que por ter o aval do PP na Xunta e no Estado pode facer o que lle pete", denunciou a concelleira de disciplina urbanística, que insistiu en que "hai que cumprir coa legalidade", algo que, segundo ironizou, os responsables da empresa "pensan que é para todos menos para eles".
ALEGACIÓNS Á AUTORIZACIÓN AMBIENTAL
Ademais, Carme da Silva informou das alegacións que o Concello de Pontevedra presentou ao expediente de renovación da autorización ambiental integrada para a fábrica de Ence en Lourizán.
O informe técnico remitido polo goberno municipal reitera a oposición a esta renovación en base a tres argumentos principais, un deles que a continuidade de Ence en Lourizán incumpre a normativa urbanística en vigor, aprobada pola Xunta de Galicia, á que Da Silva acusa de "deixadez" das súas competencias.
Tamén se lembra que Ence non cumpre cos parámetros esixidos na depuración das augas residuais ao conectarse a un emisario submarino "para o que non ten ningún tipo de autorización"; e cuéstionase a conexión para o consumo de auga, ao desviar parte da súa subministración á fábrica de Elnosa sen que exista permiso para iso.
Relacionadas:
-
O TSXG avala as obras que ENCE fixo na fábrica sen licenza municipal en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Ence asegura que os investimentos na fábrica de Lourizán reforzan a súa fiabilidade ambiental
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE tramita a construción dunha planta de biomasa en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG acusa á Xunta de "alfombrar" o camiño para que Elnosa siga na ría
Por Redacción |
-
Reclaman licenza municipal a Ence para que poida acometer o proxecto paisaxístico
Por Redacción |