O persoal para o novo Grupo Supramunicipal de Emerxencias de Moraña examinarase o 14 de decembro
Por Redacción
O Concello de Moraña informa de que o Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Moraña, que dará cobertura á comarca do Ulla-Umia, continúa o seu proceso de constitución. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicaba este luns 22 de novembro a relación definitiva dos admitidos no proceso de selección de 12 persoas para que traballen como persoal laboral temporal durante o primeiro ano no GES morañés.
O tribunal, que xa conta cos integrantes definidos, constituirase o 3 de decembro ás 10.00 horas no Salón de Sesións do Consistorio de Moraña, e o exame será o 14 de decembro ás 18.30 horas no pavillón de Conexión do Recinto Feiral de Silleda.
Coa creación deste novo GES, desde o Concello de Moraña destacan que se consegue un reparto máis equitativo no que respecta á poboación que é atendida por cada un dos GES que dan servizo na comarca.
Actualmente, o GES de Valga cubría a este propio municipio, ademais de Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis e Portas. O de Padrón, ao propio Padrón, Rois e Dodro. E o da Estrada, a Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Teo, Vedra e Moraña.
Coa ubicación do GES en Moraña, prestarase servizo á propia vila morañesa, a Caldas de Reis, Portas e Catoira e pasarán a depender del os concellos de Campo Lameiro, Cuntis e Barro, mellorando os tempos de resposta.
No caso doutros GES, quedaría o reparto da seguinte maneira: o de Padrón sumaría Valga e Pontecesures, e o da Estrada rebaixaría a súa saturación deixando de cubrir Campo Lameiro, Cuntis e Moraña.