A "situación crítica" das Urxencias no Provincial e en Montecelo chega ao Parlamento de Galicia
Por Oskar Viéitez
O BNG rexistrou este xoves, por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, unha batería de iniciativas parlamentarias nas que se fai eco da "situación crítica en que se encontran os servizos de urxencias do hospital de Montecelo e do Provincial", e mediante as que traslada ao parlamento as denuncias e as demandas que o persoal dos centros fixo públicas a comezos desta semana.
Para o deputado nacionalista Luís Bará, unha das causas principais da situación que se está a sufrir nas urxencias hospitalarias é "o empeoramento das condicións de traballo e da atención nos centros de saúde e nos PAC, de maneira que as pacientes teñen cada vez máis dificultades de acceso ao sistema e que se vén sometidas a prazos de unha e até dúas semanas para ser atendidas".
Entre outras cuestións, o persoal das urxencias hospitalarias en Montecelo e no Provincial denunciou a falta de persoal facultativo, desgaste emocional, sobrecarga de traballo, contratos deficitarios, incremento de pacientes desde o comezo do verán, e dificultades de xestión da afluencia, maltrato por parte da administración e falta de solución ás súas demandas coma a de contratación do persoal facultativo necesario para cubrir as baixas.
Diante desta situación, o BNG presentou preguntas parlamentarias ao goberno e unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a atender as demandas do persoal de urxencias do Hospital Montecelo e Provincial, nomeadamente mediante a cobertura das prazas vacantes que son esenciais para un bo funcionamento do servizo e para rematar co desgaste emocional e coa sobrecarga de traballo.
Relacionadas:
-
Convocada unha concentración para defender a Atención Primaria no centro de saúde de Moraña
Por Redacción |
-
A área sanitaria dá prioridade á atención en centros de saúde e PACs en lugar de Urxencias ante a falta de médicos
Por Manu Otero |
-
Médicos de Urxencias do Hospital Montecelo e Provincial denuncian maltrato por parte da xerencia da área sanitaria
Por Redacción |