Restaurar o Lago Castiñeiras e crear piscinas naturais de auga salgada, propostas estrela para acadar un turismo sostible
Por Redacción
Marín preséntase como un municipio galego con moitas posibilidades de crecer desde o punto de vista turístico, así o manifestaba o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa visita a Portocelo, acompañado pola alcaldesa María Ramallo, despois de que a proposta desta vila fose valorada positivamente polo Ministerio de Turismo e pola Xunta de Galicia para acceder aos fondos europeos Next Generation en materia de turismo de sustentabilidade.
O Concello marinense presentaba un proxecto que aspira a mellorar a mobilidade e crear novos servizos no municipio con propostas como a restauración do Lago Castiñeiras ou a creación de piscinas naturais de auga salgada xunto ao Paseo Alcalde Blanco. Ademais, inclúense outras iniciativas como a remodelación do vial de praias para mellorar o acceso tanto de peóns como de bicicletas, monopatíns e coches; creación dunha oficina de turismo dixital que se atopa ao dispor dos visitantes durante todo o ano ou o fomento de sendas do rural como atractivo turístico.
Desta forma, o Concello que dirixe María Ramallo podería optar a ao redor de millón e medio de euros, que se deben executar nun tempo limitado, segundo manifestaba Alfonso Rueda, dentro dos proxectos do litoral, que se centran na mellora turística a través de fórmulas nas que se fomente a calidade e o coidado do medio ambiente.
Ramallo destacou a importancia de que concorra a iniciativa privada para potenciar os recursos e mostrou a súa satisfacción polo interese mostrado por locais de hostalería da contorna do litoral para fomentar a apertura durante todo o ano. Tamén proxecta crear un aparcamento de autocaravanas e promover as casas de turismo rural, albergues e cabanas turísticas. "En Marín hai tanto por facer no tema de turismo", afirmou para asegurar que teñen un traballo importante e ilusionante para poder mellorar coas axudas europeas de fronte ao futuro.
Rueda indicou que a aposta por un turismo tranquilo e non masificado en contacto coa natureza, ademais de fomentar Galicia como destino seguro e de calidade logrou que a recuperación turística na comunidade sitúese 25 puntos por encima da media estatal. Tamén destacou a reactivación do Camiño de Santiago, sobre todo con visitantes de España durante este ano, e a importancia que terá o esperado incremento de peregrinos internacionais ao longo de 2022.
O proxecto presentado por Marín forma parte dos nove considerados aptos pola Xunta e polo Goberno central para o desenvolvemento do Plan do Litoral no próximos tres anos. Ademais, o goberno autonómico tamén poñerá en marcha outros dous plans, o primeiro destinado a etnoturismo e gastronomía e un segundo para fomento de centros históricos, turismo termal e deportivo na comunidade.
Relacionadas:
-
O BNG lembra a Ramallo o acordo plenario sen executar para crear un espazo de autocaravanas en Marín
Por Redacción |
-
María Ramallo fixa os grandes retos de Marín para o próximo ano
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia impulsa o turismo activo para consolidarse como destino de natureza e deporte
Por Redacción |
-
A alcaldesa de Marín comprométese cos hostaleiros a promocionar o Vial de Praias máis aló do verán
Por Redacción |
-
Unhas piscinas naturais de auga salgada, próximo paso para unir Marín co mar
Por Alejandro Espiño |