O PP rexeita a proposta do BNG de comezar a traballar na recuperación dos terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez
O pleno do Parlamento rexeitou, cos votos do grupo maioritario do Partido Popular, a proposición non de lei do BNG, defendida polo deputado Luís Bará, que reclamaba iniciar un proceso de diálogo con todas as administracións relacionadas, para traballar na ordenación dos usos dos terreos que ocupa actualmente Ence, prevendo a súa saída de Lourizán, "de maneira inmediata ou a medio prazo".
Na súa intervención, Bará denunciou a "burda manipulación" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo do informe do Consello Consultivo de Galiza sobre os terreos de Ence para abrir a posibilidade de adscribilos ao porto de Marín.
O portavoz de Medio Ambiente do BNG acusou á Xunta de querer seguir "estirando o chicle" da permanencia de Ence na ría de Pontevedra "con fins partidistas" e tamén de crear entre os traballadores a "falsa ilusión" de que a fábrica pode continuar onde está, "cando hai unha sentenza que di o contrario".
O BNG defendeu unha proposta para buscar un novo emprazamento de Ence e desenvolver un gran proxecto industrial forestal de transformación de derivados da madeira e celulosa, "que incrementa o número de empregos actuais".
Pola súa banda o grupo do Partido Popular criticou que BNG e tamén o PSdeG "falen xa de desmantelamento de Ence sen ter alternativa nin contemplar ningunha solución"
O deputado popular, Manuel Santos, afirmou que se esta empresa pecha, "o BNG e o PSdeG serán os responsables do futuro dos miles de traballadores" e afirmou que o Consello Consultivo "incide na posibilidade de dar unha solución xurídica a este problema, que agora dependerá da vontade política do Goberno de España"
Santos sinalou que o BNG "atopou no PSOE o perfecto compañeiro de viaxe, xa que fixo todo o posible desde que chegou ao Goberno de España para facilitar o peche de ENCE e dar cumprimento ao pacto de goberno que asinaron cos nacionalistas".
Pola súa banda, o grupo socialista acusou á Xunta de "secundar a Ence sen pensar no futuro dos traballadores".
A deputada do PSdeG, Paloma Castro, reclamoulle á Xunta que atenda ao informe encargado polo Estado para buscarlle unha ubicación alternativa á pasteira demostrando a "inacción" do goberno galego, que busca "solucións peregrinas e dolosas".
A responsable socialista presentou unha emenda á proposta do Bloque para pedirlle á Xunta precisamente que asuma o contido deste informe, ademais de aproveitar as ubicacións para impulsar un gran proxecto industrial do sector forestal galego, estudando ademais accións de rexeneración, restauración e reordenación dos terreos ocupados actualmente pola pasteira.
A emenda foi rexeitada durante o debate da iniciativa presentada polo BNG, que sen embargo os socialistas votaron a favor.
Relacionadas:
-
Rexeitamento no pleno da Deputación á adscrición dos terreos de Ence ao Porto de Marín
Por Anxo Lourido |
-
O PP pedirá "apoio unánime" no pleno da Deputación para que os terreos que ocupa Ence se adscriban ao Porto de Marín
Por Redacción |
-
A Autoridade Portuaria pedirá a adscrición dos terreos de Lourizán "con ou sen ENCE" e incluíndo os de Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Bará acusa a Feijóo dunha "burda manipulación" do informe do Consultivo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG pide á Xunta que comece a "traballar en serio" na recuperación medio ambiental dos terreos de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores de ENCE cortan o tráfico arredor da fábrica para esixir solucións
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño | Creada e actualizada