A romaría de San Martiño de Penalba volve a Campo Lameiro tras o parón da covid-19
Por Redacción
Artesanía, música, polbo á feira ou churrasco serán os grandes atractivos da romaría e o mercado artesanal de San Martiño de Penalba, que se celebrará en Campo Lameiro o próximo domingo 14 de novembro, tras o parón obrigado pola covid-19.
A iniciativa, impulsada polo cura párroco Fermín Santiago e a unidade pastoral de Campo Lameiro para festexar o San Martiño, comezará ás dez da mañá.
A xornada relixiosa estará atendida por dúas misas rezadas, ás 10 e ás 11 horas da mañá, mentres que a misa cantada terá lugar ás 12:30 horas na capela de San Antonio de Penalba, lugar que concentrará toda a actividade festiva e relixiosa.
O mercado artesanal contará con preto de 40 artesáns que exporán as súas creacións baixo unha carpa xigante instalada na explanada da área recreativa de San Antonio de Penalba.
Alí ofrecerán xoguetes de madeira, bixutería, coiro, música en CD e vinilos, ganchillo, bonecos de la, complementos da India, centros artesanais, cadros, mel, artesanía con cunchas, filloas, antigüidades, simboloxía celta, complementos infantís, diademas, xabóns e xampús ou bolsos.
Para amenizar a xornada, o dúo Reflejos protagonizará a sesión vermú, que servirá para animar aos asistentes a gozar dos postos de xantar habilitados, especialmente o bar, o polbo á feira e o churrasco facilitado pola coñecida Pulpería A Fuchela.
A sesión musical da tarde correrá a cargo tamén do dúo Reflejos, ao que sumará o dúo Explosión, que animarán aos asistentes a pasar unha xornada divertida e bailar ao son das principais cancións que forman parte do repertorio tradicional das verbenas.
"O que pretendemos coa reactivación desta romaría é recuperar a nosa normalidade subtraída polo período da pandemia e axudar a dinamizar cultural e economicamente o entorno rural de Campo Lameiro", destaca o cura párroco.