Campo Lameiro recada 10.000 euros que doará aos damnificados polo volcán da Palma
Por Redacción
A solidariedade da veciñanza de Campo Lameiro permitirá enviar a La Palma 10.137 euros procedentes das entradas vendidas para presenciar a gala solidaria "O bo corazón de Campo Lameiro" celebrada o 31 de outubro. Os donativos recolléronse durante a misa e nas urnas habilitadas na contorna do festival así como dos beneficios obtidos pola “Taberna Solidaria” ubicada nas inmediacións do palco.
Os organizadores esperan aumentar aínda máis esta cifra para o cal manteñen aberta durante todo o mes de novembro unha conta co fin de que particulares e empresas afincadas no termo municipal ou mesmo proveedores do Concello poidan aínda facer as súas aportacións económicas.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, valorou moi positivamente a resposta solidaria dos veciños e veciñas do municipio “que pese ao mal tempo reinante desafiaron as condicións metereolóxicas para estar aquí e manifestar de xeito activo que o noso pobo ten moi bo corazón e que é sensible coas desgrazas e as penalidades que están a sofrir os veciños de La Palma afectados pola catástrofe do volcán Cumbre Vieja”.
Finalmente, Carlos Costa manifestou que “estou seguro que en La Palma e en España enteira saben que en momentos difíciles pódese contar co pobo de Campo Lameiro para o que faga falta. Hoxe mobilizámonos polos damnificados polo volcán e quizais mañá, espero que non, teñan eles que botarnos unha man. Así somos en Campo Lameiro, xente humilde, traballadora e sinxela que cando ten que dar un paso adiante defendendo a súa dignidade ou aportando o que faga falla por unha causa xusta aí estamos e estaremos”, concluíu o alcalde Carlos Costa.
O Concello de Campo Lameiro agradeceu a todos e cada un dos artistas, músicos e agrupacións participantes neste evento cun pequeno agasallo, un prato de Sargadelos conmemorativo da Gala e do seu paso por este festival benéfico, co fin de que tiveran sempre presente o agradecemento do pobo de Campo Lameiro polo seu xesto altruísta e solidario.