A Deputación presenta un orzamento "transformador e valente" que ascende a 179,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este martes os orzamentos da institución provincial para o ano 2022 que se elevan ata os 179,5 millóns de euros, un crecemento dun 6,86% respecto ao anterior. Esta cifra incrementarase ata superar os douscentos millóns, por exemplo, co plan ReacPon ou coa incorporación dos fondos europeos, dos que a día de hoxe están xa comprometidos uns 17 millóns.
O próximo día 12 de novembro celebrarase un pleno extraordinario no que se aprobarán inicialmente estes orzamentos co obxectivo de que en decembro o estean definitivamente "máis rápido que nunca" e así os concellos da provincia poidan dispoñer del, xa que o 90% das obras que se fan nos concellos de menos de 50.000 habitantes fináncianse cos fondos que achega a Deputación.
César Mosquera sinalou que as contas provinciais apenas supoñen o 1,5% do orzamento da Xunta de Galicia e con todo a Deputación está a "taparlle unha serie de faltas", en referencia a aquelas competencias que debería asumir a administración autonómica como son a Escola de Enfermería, o centro Príncipe Felipe, os Consorcios de Bombeiros ou os servizos sociais "e aínda ameazan coa Lei de Augas para obrigar á Deputación para poñer máis cartos para competencias da Xunta".
Para o vicepresidente este orzamento é o froito de "un Goberno sólido, que non está a desgastar enerxías en cuestións menores internas senón tentando resolver problemas". Tamén indicou que "temos un horizonte económico moito mellor do previsible" e engadiu que a execución deste orzamento "vai supoñer un esforzo moi elevado" debido a que terá que compaxinarse coa tramitación dos fondos europeos, un reto que acollen con "entusiasmo".
Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva referiuse á coalición de goberno (PSOE + BNG) como "forte, que traballamos xuntas e xuntos, que acordamos todas as políticas e que ademais somos referencia en moitas delas".
Carmela Silva describiu este orzamento como "o máis alto de toda a historia da institución, e tamén o máis investidor, o máis transformador e o máis valente" na convicción de que os próximos 2022 e 2023 "teñen que ser anos dun forte investimento público" para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia e "facer que a provincia sexa sostible" conforme aos parámetros da Axenda 2030.
"O máis alto de toda a historia da institución, e tamén o máis investidor, o máis transformador e o máis valente"
A presidenta provincial ha informado que este orzamento permitirá "finiquitar" a débeda que "herdamos" na institución. Cando socialistas e nacionalistas entraron a gobernar a Deputación de Pontevedra no ano 2015 a débeda era de preto de 41 millóns de euros. Deixar a débeda a "cero" ao final do ano 2022 permitirá afrontar unha operación de crédito coa que financiar o plan Reacpon e "facilitar con máis forza o investimento na provincia".
"A boa xestión política e económica vai permitir que o 2022 sexa un ano de gran crecemento na provincia", destacou Carmela Silva.
Entre os datos máis destacados deste orzamento, os concellos recibirán 73,5 millóns do Plan Concellos plurianual e outros 22,4 millóns doutras accións, "sen contar co ReacPon".
Segundo datos do Ministerio de Facenda, a Deputación de Pontevedra é a administración provincial de toda España que máis trasferencias fai aos concellos. O 31,7 % do seu orzamento "fronte á media das demais administracións provinciais que é do 17,8 %", subliñou Carmela Silva.
"E segue e seguirá sen haber nin un só euro de libre disposición", engadiu o vicepresidente César Mosquera.
Relacionadas:
-
O Goberno da Deputación celebra os 2.555 días nos que buscou "facer de Pontevedra a provincia que queres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Susana Fernández López, nova directora de Proxectos Europeos da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os gobernos locais terán á súa disposición 73,5 millóns de euros co novo Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno da Deputación aproba o orzamento "máis alto e expansivo da súa historia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A rúa Camilo José Cela de Vilagarcía, un cambio de imaxe radical que a recupera para a xente
Por Redacción |
-
Aumenta ata os 26,3 millóns de euros o plan provincial de reactivación para os concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobado por unanimidade o orzamento do consorcio provincial contra incendios para 2022
Por Oskar Viéitez |
-
O acordo para o Plan Concellos 2022 enfronta de novo ao goberno provincial co PP
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño |