O Pleno da Deputación aproba o orzamento "máis alto e expansivo da súa historia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra, convocado este venres de xeito extraordinario, aprobou cos votos a favor do PSOE e do BNG o orzamento para o vindeiro exercicio por 175,8 millóns de euros, un 6,86% máis que en 2021, sendo o consolidado de 179,5 millóns (coa Escola de Enfermería e os Consorcios Provincial Contra Incendios e o de Deza-Tabeirós).
Segundo explicou o deputado socialista Carlos López Font á Corporación provincial, este orzamento pretende acelerar e consolidar a recuperación da provincia trala pandemia e facelo cunha potente inxección económica aos concellos, da man dos 17 obxectivos da Axenda 2030 e coa mirada posta nos fondos europeos.
Non obstante, as contas se elevarán ata os 216,5 millóns de euros, xa que hai que engadir ao consolidado algúns proxectos xa aprobados, contratados ou pendentes de licitación como son, entre outros, obras de infraestruturas, as fases I e II da rehabilitación da Xunqueira de Alba, o proxecto de dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo Provincial, o de mellora enerxética do CEIP Daría González, a cuberta da Escola de Cantería e as melloras no Museo, que ascenderá a 20,2 millóns de euros, amais doutros 17 millóns xa comprometidos de fondos europeos.
"Podríamos tener 20 millones de euros más si la Xunta asumiera sus competencias ", engadiu Font.
Font salientou que este orzamento consolida á Deputación de Pontevedra como "líder en transferencias" aos municipios de todas as institucións provinciais do Estado. Todo iso nun escenario de débeda cero que vai a permitir á Deputación poder endebedarse para facilitar o investimento na provincia a través do ReacPon.
"Estou convencido de que hoxe é un gran día para esta casa, pero sobretodo para os concellos", sinalou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no sentido de que os Gobernos locais "saben xa o que van recibir e poden ir traballando con previsión e isto é moi importante".
Mosquera dirixiuse ao grupo provincial do PP para animarlles a que votasen a favor das contas provinciais porque "benefician aos concellos" e ademais "atendéronse" todas aquelas suxerencias presentadas polo PP "que tiñan algún sentido".
"Case me convence o señor Mosquera", chanceou o portavoz do PP, Jorge Cubela, que xustificou o voto do seu grupo en que é "orzamento de trámite, un curta e pega desde fai seis anos".
Entre outros argumentos criticou o "gasto enorme en publicidade e propaganda" e o aumento da partida de gastos correntes. Tamén afirmou o portavoz do PP que "o único ciclo económico que vai poder cambiar este orzamento é a conta xustificativa do PSOE de Vigo e do BNG de Pontevedra".
Font reprochou aos populares que non estudasen o orzamento e que co seu voto "acudan en favor de la Xunta".
PLAN CONCELLOS
Carlos López Font explicou que nestas contas diríxese aos municipios unha das medidas clave do orzamento: o Plan Concellos será bianual e, polo tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73, 5 millóns de euros, xa que no 2022 poderán contar, amais dos 43 millóns do Plan, con outros 30,5 millóns da Liña 1 de investimentos do Plan do 2023.
A decisión do goberno da Deputación supón incrementar o plan provincial nun 72,94%, ao que se sumarán en transferencias directas outros 22,2 millóns de euros das áreas de infraestruturas, mobilidade sostible, programas sociais, plans de emprego, apoio ás novas tecnoloxías, recuperación de patrimonio e dinamización da lingua, accións de igualdade, cultura, turismo e deporte, amais da estratexia transfronteiriza, a acción do ORAL e do SAIM.
López Font sinalou que a execución do Plan Estratéxico de Fondos Europeos será outra das ferramentas para consolidar a recuperación.
O orzamento da política social crece máis dun 7% ata os 18,2 millóns de euros e o 2022, unha vez encamiñada a pandemia, traerá de novo programas de participación como DepoTermal, En Ruta coa Depo, Depo en Marcha ou os Campamentos da Lanzada. Soben tamén as axudas de emerxencia para os concellos, ás que se une o salto de calidade da teleasistencia. Haberá nova xestión na Escola Infantil do Príncipe Felipe que crece como centro de referencia, e novas accións coa mocidade máis vulnerable.
O orzamento para as políticas de recuperación sostible aumenta un 9,3% ata os 38,8 millóns de euros para as infraestruturas provinciais, a mobilidade coa Red Ágora, a política de residuos con Revitaliza, a reacción nos viveiros de Barro e Lalín, o apoio ao sector primario, as novidades do laboratorio en Mouriscade que xa é referente internacional e da mellora xenética, o I+D+i en Areeiro, a promoción do emprego e o apoio á economía verde.
"La igualdad vuelve a ser uno de las señas de identidad de la Diputación de Pontevedra", destacou Font. Serán 1,8 millóns de euros, cun crecemento do 28,57%, e máis proxectos en todo o territorio, accións de corresponsabilidade fronte á conciliación, novos proxectos coa Universidade como a Cátedra de Feminismos e impulso da Escola María Vinyals, referencia estatal e internacional.
Destinaranse 21,8 millóns de euros á reactivación cultural, turística e deportiva da provincia, un 3,81% máis que en 2021. Desde o apoio á creación cultural, a mellora do Museo de Pontevedra, a Escola de Letras, os Rías Baixas Fest e os Film Fest, a dinamización da lingua, o turismo intelixente, os grandes eventos deportivos co impulso ás mulleres , ou a recuperación do patrimonio, sen esquecer a Memoria Histórica, cun orzamento de 0,56 millóns de euros.
A modernización da administración provincial adícanse 30 millóns de euros, un incremento dun 5,63% con un novo impulso da dixitalización, o teletraballo, e a administración electrónica 100%, amais da mellora das instalacións e novas ofertas de emprego cara a unha maior cualificación do cadro de persoal.
Finalmente, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu "recoñecemento ao traballo feito" por parte do equipo de Goberno e polos funcionarios da Deputación para poder presentar este "extraordinario orzamento".
Relacionadas:
-
O congreso internacional BNEW de Barcelona estuda a transformación das estradas provinciais
Por Redacción |
-
A Deputación moderniza o seu servizo de teleasistencia domiciliaria
Por Redacción |
-
36 municipios da provincia van repartirse 5 millóns de euros do Plan de Recuperación para destinar a comercio e turismo
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Susana Fernández López, nova directora de Proxectos Europeos da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Regresa o programa Depotermal despois de dous anos ofertando 4.424 prazas
Por Redacción |
-
'Búscase a Talento', campaña da Deputación con concurso escolar para promover o xogo non sexista
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os concellos deberán rematar as 47 obras do ReacPon antes do 30 de abril de 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Aumenta ata os 26,3 millóns de euros o plan provincial de reactivación para os concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un orzamento "transformador e valente" que ascende a 179,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |