O Goberno da Deputación celebra os 2.555 días nos que buscou "facer de Pontevedra a provincia que queres"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Baixo o lema 'A provincia que queres. A túa Deputación', o equipo de Goberno PSOE-BNG da Deputación Provincial de Pontevedra celebrou este venres os seus sete anos á fronte da institución. Fíxoo cun acto público no exterior do Pazo Provincial ao que acudiron preto de 400 persoas, entre elas, alcaldes e alcaldesas de toda a provincial encabezados polos dos seus dúas principais cidades, Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero.
Concelleiros e concelleiras dos concellos pontevedreses gobernados polo BNG e o PSOE e representantes de empresas e entidades de toda a provincia, tanto públicas como privadas, cos que colabora a Deputación habitualmente completaron a lista de asistentes ao acto.
Tomaron a palabra a presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, pero o protagonismo quixeron darllo a todos os seus equipos e, en xeral, a toda a provincia, pois insistiron en que o seu é un Goberno que pon ás persoas no centro e, por tanto, o seu traballo faise pensando en toda a poboación da provincia e, en particular, aos concellos que, en palabras do vicepresidente, "sodes os que dades sentido ao que poidamos facer".
O acto, cocibido como un acto de dación de contas dos seus sete anos de goberno, como xa fixeron os seis anteriores, serviu para facer un repaso a esta etapa para que "a provincia saiba a que dedicamos os recursos públicos", insistiu Carmela Silva, que ve cumpridos os obxectivos cos que asumiron o Goberno provincial en 2015, obxectivos enfocados á transformación do territorio e a unha nova forma de relación cos concellos que vos convirta en protagonistas.
"Sete anos despois daquela declaración de intencións, aquí estamos", indicou, en referencia a que cando chegaron ao Pazo Provincial marcáronse unha meta agora cumprida, coa igualdade e a sustentabilidade como "accións transversais de Goberno" e logrando unha provincia con mobilidade amable, con cohesión territorial e na que a transformación dixital e a innovación son unha realidade, todo ao servizo das persoas.
Son, en total, 2.555 días nos que presumen de realizar investimentos por 1.177 millóns de euros, clausurar unha débeda de 40 millóns, xestionar 104 millóns de fondos europeos e ser a deputación provincial española que máis recursos transfire aos seus concellos, un 34%, fronte á media estatal do 17%. Tan só co Plan Concellos xa realizaron 327 millóns de euros de transferencias directas e permitiron acometer 3.000 obras e crear máis de 7.000 empregos.
Un vídeo proxectado durante o acto fixo repaso a todos os seus proxectos e lembrou que este Goberno marcouse o obxectivo de "facer de Pontevedra a provincia que queres e da Deputación, a túa Deputación".
César Mosquera quixo aproveitar para destacar que o actual Goberno provincial é "un equipo cohesionado" no que "non hai aquel presidencialismo que había antes", en alusión velada ao anterior presidente provincial do PP, Rafael Louzán.
En comparación co Goberno previo á súa chegada tamén insistiu, isto xa nun dos dous vídeos proxectados durante o acto, en que lograron "cambiar a cultura de petición pola cultura de xestión". Durante o seu discurso presumiu de que lograron "erradicar os tratos de favor e con sospeita de non ser igualitarios" e de que se converteron, en moitos aspectos, en referentes a nivel galego, estatal e mesmo internacional.
Insistiu Mosquera en que se trata dun goberno exemplar en canto á súa cohesión porque, de feito, nos seus 31 anos en institucións públicos "non vin nunca un goberno tan cohesionado coma este". Tamén puxo en valor que fan moitas cousas e que as fan, ademais, "razoablemente ben" e, en moitos aspectos, mesmo "moi ben".
CRÍTICAS DO PP
O portavoz do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Jorge Cubela, referiuse este venres a este acto como unha "festa a rachar e partidista" que asegura que, en realidade, foi un "acto político propio" do PSOE e o BNG ao que só acudiron cargos políticos e militantes destas formacións políticos.
Nun comunicado, Cubela criticou que se trata dunha "exaltación partidista" que pagarán todos os cidadáns, despois de que a Deputación se negara a tomar ningunha medida para apoiar economicamente os pequenos e medianos concellos na actual crise de prezos. "Os cidadáns, os traballadores e os concellos necesitan da Deputación, non de festas partidistas", engadiu.
Relacionadas:
-
A Escola de Igualdade María Vinyals dedica unha xornada ao emprendemento feminino e á innovación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanza o programa "DepoInnova" de compra pública de innovación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación presenta un orzamento "transformador e valente" que ascende a 179,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera, na 'zona 30' da política
Por Natalia Puga |
-
Acto multitudinario para celebrar os seis anos de goberno na Deputación
Por Cristina Saiz & María José Pita |