Para José Maquieira Cores a pesca recreativa, ou pesca deportiva, é o seu traballo e a súa afección. Creceu nun dos negocios con soleira de Pontevedra e levárono a pescar por primeira vez con tan temperá idade, que lle custa fixar exactamente a memoria.
A súa última viaxe para practicar a pesca do salmón salvaxe levouno o pasado setembro ata Islandia e cóntanos no 'Cara a cara' como é a idiosincracia do país nórdico para esta actividade, ou as duras condicións meteorolóxicas e climáticas que lles acompañaron pero que adoitan resultar levadías se o que se pretende é facer algo que apaixona.
José Maquiera leva viaxando máis de dúas décadas e realizou todas as pescas posibles e de todas elas afirma que queda coa do salmón. "É un peixe moi nobre, moi combativo, é difícil de enganar, non é fácil de pescar e todo isto son alicientes para que motive máis", apunta e aclara ademais unha errada crenza sobre esta especie, moi estendida entre quen é alleo á sedela.
Relátanos anécdotas que viviu pescando, algunha con forte carga emotiva. Desde a súa perspectiva profesional e de afeccionado asevera que Pontevedra é unha cidade con afección a esta práctica: "viviuse uns anos de costas á ría, pero agora, recuperada, hai moitas persoas que pescan mesmo en plena cidade. Ademais o Lérez é unha xoia que temos, aínda que no caso da pesca do salmón leva dous anos pechado porque se está tratando de recuperar a especie". E é que ademais doutros condicionantes, a situación é tan crítica que se a temperatura das súas augas soben por encima dun grao e medio, xa non sería habitable para o salmón.
Preguntámoslle neste podcast de PontevedraViva Radio por un par de normativas que suscitaron o malestar entre estes afeccionados. Dunha parte o Real Decreto de Pesca Marítima de Recreo en Augas Exteriores de repercusión en todo o Estado e doutra parte, a resolución da Xunta aprobada en xullo sobre a pesca recreativa nos portos.