A humanización de Ramón Encinas, no ámbito do peirao de Raxó, estará lista no verán de 2023
Por Redacción
Acondicionar a fronte costeira de Raxó e reforzar a seguridade peonil no ámbito do peirao. Son os obxectivos do proxecto de humanización da rúa Ramón Encinas.
Nel, o goberno municipal investirá máis de 800.000 euros, financiados a través de fondos europeos obtidos do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), que achegará 563.000 euros. O resto sairá das arcas do Concello.
Esta ambiciosa actuación, segundo os criterios que marca esta subvención, deberá estar lista no verán de 2023. Actualmente, o Concello conta con seis meses para realizar os trámites previos á contratación da obra, sendo a aprobación da redacción do proxecto o primeiro paso.
Para este trámite, Poio destinará preto de 55.000 euros. Este documento, segundo o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, terá en conta as demandas da veciñanza. Faranse asembleas para recoller as súas propostas e suxestións.
"Estamos a falar dunha actuación capital para o núcleo de Raxó, que é un referente a nivel turístico e hostaleiro", apuntou o concelleiro socialista.
Con respecto á actuación, o Concello busca facilitar a convivencia no tránsito a pé ou en bicicleta, reducindo a circulación de vehículos e mellorando a seguridade viaria, ao tempo que se logra unha importante redución da pegada de carbono.
A obra incluirá a dotación dunha plataforma única nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona.
Ademais, o proxecto tamén inclúe a renovación do alumeado e a dotación de servizos como unha rede de pluviais.
Relacionadas:
-
Gregorio Agís informa á veciñanza sobre o proxecto de mellora integral de Ramón Encinas
Por Redacción |
-
A cidadanía de Raxó coñecerá o domingo o proxecto de humanización da rúa Ramón Encinas
Por Redacción |
-
Plataforma única na reforma da contorna do peirao de Raxó con máis espazo para viandantes e ciclistas
Por Redacción |
-
Poio prepara unha batería de actuacións nas que investirá 5,5 millóns
Por Redacción |