A cidadanía de Raxó coñecerá o domingo o proxecto de humanización da rúa Ramón Encinas
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica do Concello de Poio, Gregorio Agís, convoca unha reunión para este domingo 9 de outubro para dar a coñecer entre a veciñanza de Raxó os detalles do proxecto de rehabilitación integral da rúa Ramón Encinas, situada nas inmediacións do peirao da localidade. A cita será ás 12 horas nas dependencias do Centro Cultural Xaime Illa.
“Animamos ao tecido asociativo e ás veciñas e veciños en xeral que acudan a este encontro, no que trataremos de resolver calquera dúbida que poidan ten con respecto a esta actuación, que suporá unha mellora substancial dunha das vías máis importantes da parroquia”, sinala o edil do goberno municipal.
Agís lembra que o proxecto para a transformación de Ramón Encinas contará cun orzamento total que supera os 900.000 euros. O 80 % (preto de 600.00 euros) da actuación será financiada a través de fondos que a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo xestionou de xeito directo perante o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno central.
A obra incluirá a dotación e renovación por completo dos servizos básicos, así como humanización e pavimentación, con materiais sostibles, nunha lonxitude de preto de 300 metros. Ademais crearanse dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará “nunha mellora da accesibilidade facilitando o tránsito a pé e en bicicleta”, sinala Gregorio Agís.
Se non hai contratempos, a obra será unha realidade no verán de 2023. Gregorio Agís confía en que os traballos estean adxudicados canto antes.
Neste sentido, o edil de Promoción Económica e Urbanismo explicou que a tramitación volve coller impulso logo de que se procedese á rescisión do contrato coa empresa responsable da redacción do proxecto, polo incumprimento dos prazos de presentación. “A nova firma responsable rematou a redacción en tempo e forma e agora presentamos o documento á veciñanza para que coñeza de primeira man os detalles dunha obra que suporá un antes e un despois para Ramón Encinas, onde se rexistra unha gran actividade social, económica e turística, especialmente no verán”, conclúe o socialista.
Relacionadas:
-
Gregorio Agís informa á veciñanza sobre o proxecto de mellora integral de Ramón Encinas
Por Redacción |
-
Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
A humanización de Ramón Encinas, no ámbito do peirao de Raxó, estará lista no verán de 2023
Por Redacción |