Gaming na Rúa achega a cultura do videoxogo a Pontevedra
Por Redacción
A Casa da Luz da pontevedresa Praza da Verdura acolle esta fin de semana o evento Gaming na Rúa. A partir do sábado 16, ás 10 horas, os videoxogos serán os principais protagonistas dunha xornada onde a asociación Gaming Troop ofrecerá un torneo de Super Smash Bros Ultimate.
Con todas as prazas xa cubertas, o torneo contará cun total de 40 participantes. Mais non só haberá competición. Dentro da Casa da Luz os que se acheguen poderán probar a experiencia inmersiva que é a simulación de carreiras da man da empresa local RaceSIM Technologies.
Doutra banda, e como unha chiscadela ao pasado histórico e nostálxico dos videoxogos, a asociación de A Estrada Ocionautas traerá consigo consolas de xeracións pasadas (NES, Nintendo 64 ou Game Cube, en outras), abrindo a porta dos xogos e obras pasadas aos xogadores actuais.
A cita conta coa colaboración da concellaría de Xuventude, que ve nos videoxogos "un mundo importante que apoiar e promover", en palabras do concelleiro Alberto Oubiña. "Cremos que é obrigatorio coñecer unha industria cun enorme potencial, que conta cun público que non fixo máis que aumentar nos últimos anos. Colaborar con Gaming Troop, asociación pontevedresa que leva moitos anos xa traballando polos videoxogos, é un xeito de animalos a que sigan facendo cousas, sobre todo agora que non teñen local de seu, como si contaban no pasado. Sabemos que neste tipo de agrupacións tivo un especial impacto a crise da Covid", engadiu o edil.
O Concello de Pontevedra quere seguir apostando polo videoxogo como cultura, tal e como se foi demostrando nos últimos anos coa inclusión desta temática en eventos coma o Salón do Libro ou os eventos propios.
Relacionadas:
-
'Gaming na Rúa' consolídase cunha segunda edición máis global no Centro Leste
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará en decembro o seu propio evento 'gamer'
Por Alejandro Espiño |
-
A obra do ilustrador Manel Cráneo salta desde Pontevedra aos videoxogos
Por Redacción |
-
Torneos, experiencias de simulación de carreiras e concursos de cosplay converterán Marín en capital do videoxogo
Por Redacción |
-
O Campus abre á cidadanía obradoiros de videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º
Por Redacción |
-
Recrean unha réplica xogable do estadio de Pasarón para o videoxogo Pro Evolution Soccer
Por Manu Otero |