'Gaming na Rúa' consolídase cunha segunda edición máis global no Centro Leste
Por Redacción
O Centro Social Leste de Pontevedra, situado na praza da Cítara, acollerá a segunda edición do programa 'Gaming na Rúa', unha iniciativa organizada pola asociación Gaming Troop coa colaboración do Concello que busca ser un punto de encontro para os amantes dos videoxogos.
A cita será o sábado 9 de abril a partir das 10.00 horas da mañá e, tal e como explica o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, é unha nova oportunidade para gozar do ocio dixital "dun xeito socializador e colectivo" e obtendo "unha visión global das diferentes formas no que este pode ser gozado", que pasa pola realidade virtual, a simulación ou as consolas.
Oubiña explica que para o Concello é "importante" integrar os videoxogos na programación da cidade, complementando a de programas xa máis coñecidos e integrados como Noites Abertas; máis aínda tendo en conta o éxito da primeira edición que se desenvolveu o pasado outono na Casa da Luz "cun grande ambiente, con xogadores e xogadoras de todas as idades que se achegaron ata o lugar".
Esta segunda edición incluirá un torneo de Super Smash Bros Ultimate con 40 prazas individuais e 20 prazas para equipos. As persoas participantes nesta actividade deben rexistrarse previamente a través da páxina web www.smash.gg/further-east e pagar 2 euros de inscrición para competir en solitario ou un euro por persoa para competir por equipos.
En total, haberá 300 euros a repartir entre os sete primeiros postos, que levarán unha cifra fixa máis unha porcentaxe do bote da inscrición.
Ademais, haberá unha estación onde probar o xogo de realidade virtual Beat Saber, un posto de simulación de carreiras de Sim Racing e diversas consolas retro da man da asociación estradense Ocionautas.
Gaming na Rúa busca ser unha cita interxeracional para os xa iniciados no mundo dos polígonos e os píxeles e tamén para os que sintan a curiosidade de ver e probar sorte nalgún dos torneos. A inscrición previa tan só será necesaria no Super Smash Bros Ultimate.
Relacionadas:
-
Gamers de Pontevedra: Gaming Troop estrea novo local
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Lerez Up, a convención de videoxogos que acollerá o primeiro torneo de Smash Bros
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira fase de Noites Abertas
Por Redacción |
-
Competición, videoxogos retro e simuladores no "Gaming na rúa"
Por Redacción |
-
Gaming na Rúa achega a cultura do videoxogo a Pontevedra
Por Redacción |