Louzán denuncia a Gómez Reino, líder de Podemos en Galicia, por relacionalo con casos de corrupción
Por Redacción
O ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, denunciou ao deputado Antón Gómez Reino, líder de Podemos en Galicia, ao que acusa de atentar contra a súa honra ao vincularlle con casos de corrupción do PP.
A denuncia, que desvelou o diario Público e que o propio Louzán confirmou a PontevedraViva, foi presentada hai un ano por mor da intervención de Gómez Reino no debate organizado pola TVG con motivo das eleccións galegas de xullo de 2020.
No programa, o entón candidato de Galicia en Común mencionou ao ex líder do PP de Pontevedra nunha lista de casos de casos de corrupción que salpicaron aos populares como o caso Gürtel, a trama Pokémon, o caso Carioca ou a operación Patos.
Para os avogados de Rafael Louzán, segundo consta na denuncia previa á posible interposición dunha querela criminal, as súas declaracións "son rotundamente falsas e atentan gravemente contra a súa dignidade e a súa honra, imputándolle delitos polos que nunca foi condenado nin xulgado".
"En síntese, acúsao de ser un corrupto. Acúsao de ser un delincuente da mesma clase que Pablo Crespo e Marcial Dorado", engade a denuncia, citando dous dos nomes -xunto co de Louzán- polos que Gómez Reino preguntou a Alberto Núñez Feijóo nese debate.
Ambas as partes están citadas nos xulgados da Coruña este luns para un acto de conciliación.
A representación legal de Rafael Louzán esixe ao dirixente de Podemos que admita que as súas declaracións nese debate "son falsas e carentes de todo rigor", que se desculpe por carta e en horario de máxima audiencia na TVG e que lle indemnice con 15.000 euros.
Relacionadas:
-
Gómez Reino nega ter calumniado a Louzán e acúsao de "amedrentar" a un cargo público
Por Redacción |
-
Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga |
-
Louzán anuncia que recorrerá a sentenza e alega que non hai probas que amosen a súa participación nos feitos
Por Redacción |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada