Recorren ante a Audiencia Provincial a condena de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra será a encargada de revisar os recursos presentados polas oito persoas condenadas na causa xudicial aberta polas irregularidades na obra do campo de fútbol de Moraña, entre as que se atopan a ex alcaldesa da localidade e ex delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro -dimitiu tras coñecerse a condena-; e o ex presidente da Deputación Provincial do PP e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou aos oito pola súa implicación na trama e todos eles presentaron recurso pedindo a súa absolución. A Fiscalía Provincial xa respondeu a todos eses recursos interesado que se confirme a sentenza e, por tanto, a condena, e toda a documentación empezou xa a chegar á Audiencia Provincial.
Por repartición, serán os maxistrados da sección segunda da Audiencia os que deberán agora revisar o seu contido, segundo confirmaron fontes xudiciais a este xornal. Teñen un arduo traballo por diante, pois trátase de escritos de gran complexidade que suman entre todos centos de páxinas.
Os condenados son, ademais de Rafael Louzán e Luisa Piñeiro; o responsable da empresa Eiriña, Enrique Alonso Pais; a súa man dereita, Jaime Alvariñas; o entón director de infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey; o administrador da empresa canalizacións e Construcións Salnés SL, D.G. F.; o administrador de Construcións Enrique Casas, M.R.O; e, un arquitecto, D.A.L.O.
A sentenza agora recorrida condena a Louzán como autor dun delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude, a dous anos de prisión e oito anos de inhabilitación para calquera emprego ou cargo público. A mesma pena teñen Piñeiro e Manuel González Juanatey, aínda que no seu caso como cooperadores necesarios do delito de prevaricación e autores dun delito de fraude.
Tamén dous anos de prisión deberán cumprir o administrador e un empregado de Eiriña e o arquitecto que asinou o proxecto. No seu caso, quedan inhabilitados para obter subvencións e axudas públicas durante catro anos. Os outros acusados terán unha condena menor, un ano de prisión e a dous anos de inhabilitación para obter axudas públicas. Trátase dun dos donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade sabendo que se trataba "dun mero trámite" para adxudicar a obra a unha determinada empresa.
A xuíza do Penal, Julia Monteagudo Limeres,considera probado que a Deputación presidida por Louzán concedeu unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, no seu maior parte, executadas con anterioridade. A institución adxudicou a obra para instalar herba artificial no campo en 2011 á construtora Eiriña e, debido a unha certificación, a actuación aumentou o seu custo en 86.816 euros. Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que "se ideou un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba".
A sentenza conclúe que, unha vez denegada a posibilidade de aumentar o custo das obras iniciais, "buscáronse alternativas para pagar esa certificación, creándose o proxecto de mellora en vestiarios e bancada do campo de fútbol", e que foi unha decisión ideada en 2013 de común acordo polo presidente da Deputación, o director de Infraestruturas, o administrador da empresa, a alcaldesa de Moraña e un arquitecto.
O resultado foi que adxudicaron de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese mesmo importe. O novo proxecto contemplaba as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.
Segundo a xuíza, Louzán "sabía de primeira man", por visitar o campo con motivo do anterior proxecto, que a maioría das obras para as que aprobou unha nova subvención xa estaban executadas, de modo que a súa conduta "evidencia unha vontade manifesta en contra da legalidade, sabendo que a subvención que concede é claramente arbitraria e contraria a dereito".
A ex alcaldesa tamén pediu a subvención "a propósito de que as obras para as que a solicitaba, polo menos a maior parte, xa estaban executadas" e o director de infraestruturas foi a persoa que, segundo a xuíza, "buscou o encaixe da operación, indicando mesmo a que arquitecto como asinante do proxecto debían acudir".
Relacionadas:
-
Louzán volverá recorrer a súa condena por prevaricación e non renuncia a presidir a Federación Galega de Fútbol
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia absolve a Luisa Piñeiro e reduce a condena a Louzán na causa do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga |
-
Louzán denuncia a Gómez Reino, líder de Podemos en Galicia, por relacionalo con casos de corrupción
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Negan que haxa fraude e prevaricación no caso que senta a Louzán e Luisa Piñeiro ante a xustiza
Por Alejandro Espiño |
-
Louzán e Luisa Piñeiro sentan no banco dos acusados confiados en que "quedará en nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, a xuízo o venres por prevaricación e fraude polas obras do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga |