París de Noia e El Combo Dominicano porán o broche de ouro ao verán en Poio
Por Redacción
Dúas das orquestras con maior prestixio do país, París de Noia e El Combo Dominicano, serán as encargadas de poñer o broche de ouro á programación festiva e cultural deseñada polo Concello de Poio para este verán. Será os días 24 e 25, respectivamente, na explanada da Seca.
Así, Poio mantén a súa aposta de axudar a impulsar a actividade dun dos sectores máis castigados pola crise derivada da covid-19. A entrada será libre ata completar aforo.
Antes, concretamente os días 17 e 18 de setembro, será a quenda da Festa da Ameixa de Campelo que, ante a imposibilidade de recuperar a programación e a oferta gastronómica habitual, ofrecerá os concertos de M-Clan e Doctor Queen como grandes atractivos.
As entradas poñeranse a disposición da cidadanía na web woutick.es e serán de balde. Ademais, tamén haberá actuacións de diferentes grupos locais.
"Afortunadamente, grazas ao proceso de vacinación e á concienciación que existe entre a meirande parte da cidadanía, atopámonos nun contexto no que podemos ofrecer actuacións e propostas de lecer que sexan seguras e, ao mesmo tempo, axuden a dinamizar a actividade social e económica do concello", explica o edil de Festexos, Xosé Luís Martínez.
O Concello celebra, ademais, que pouco a pouco se poden ir recuperando as festas patronais nas parroquias. Este é o caso, por exemplo, das Festas das Dores de Samieira e da Saleta, en Raxó, que terán lugar ao longo deste mes de setembro.
As primeiras serán os días 11 e 12 e incluirán, entre outras citas, un concerto a cargo da orquestra Marbella en Río de Bois.
Relacionadas:
-
As orquestras La Fórmula e Panorama, protagonistas da Festa da Saleta de Raxó
Por Redacción |
-
As actividades para maiores cobran protagonismo no programa de lecer de Poio
Por Redacción |
-
Samieira recupera as festas da Virxe do Carme e da Virxe das Dores
Por Redacción |
-
30 novas prazas de aparcamento en Campelo estarán listas antes da Festa da Ameixa
Por Redacción |
-
Fase final para a Festa do Mar 2021 con navegación tradicional e música
Por Redacción |
-
O Armadiña Rock máis íntimo despídese de Combarro, que segue de celebración coa Festa do Mar
Por Redacción |