O Armadiña Rock máis íntimo despídese de Combarro, que segue de celebración coa Festa do Mar
Por Redacción
Música e tradición déronse a man durante toda esta fin de semana en Combarro, Poio, no marco da Festa do Mar. A vertente musical correu a cargo do festival Armadiña Rock, que xa botou o peche de madrugada despois de dous días enchendo de ritmo a vila, e a tradición chegou co Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se despide na tarde deste domingo. A celebración, con todo, continúa, pois este domingo aínda toca música e a próxima semana a Festa do Mar desprazarase ata Raxó.
O festival Armadiña Rock 2021 celebrouse nas xornadas do venres 20 e o sábado 21 de agosto no seu formato máis íntimo e, unha vez rematado, a organización traslada o seu agradecemento á xente de Combarro e a todas as persoas asistentes, que "souberon gozar da mellor música galega respectando as boas prácticas recomendadas e enchendo a vila mariñeira de ganas de gozar da mellor música galega entre moita complicidade".
Durante as dúas xornadas, polo escenario da Praza da Chousa pasaron Monolious Dop, The Tetas' Van, Pakolas e Laura Romero, Cuarta Xusta e Dakidarría, que na noite deste sábado, a partir das 23.15, se encargaron do fin de festa con todas as entradas esgotadas xa con anterioridade.
A música non só se viviu no escenario, senón que os pasarrúas de A Banda do Patio, As Pandeireteiras do Ronsel e Mekanika Rolling Band expandírona por todas as rúas da vila. Chamou a atención a forma na que este sábado chegaron a Combarro As Pandeireteiras do Ronsel, que desembarcaron coa axuda do Clube Martítimo A Reiboa.
O concurso de balcóns, patíns e solainas con decoración labrega e mariñeira fixo a todo o pobo partícipe do evento, pois a cidadanía engalanou os exteriores dos seus fogares. Resultaron premiados os deseños de María Castro Martínez, Julia Méndez Arosa e Julia Arosa Muñiz, que obtiveron o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, e os premios entregáronse sobre o escenario ás oito da tarde.
A edición do Armadiña Rock deste ano enmarcouse na Festa do Mar, que viviu un día importante no seu Encontro de Embarcacións Tradicionais. Este domingo, pechará cunha navegación libre pola Ría de Pontevedra.
A Festa do Mar ofrece este domingo na praza da Chousa máis música, neste caso, a verbena da orquestra Marbella ás 21.30 horas e, durante do día, pasarrúas de Os Queimatasas e a agrupación Vides Novas, en horario de mañá e tarde. Ademais, durante toda a xornada continuará a exposición sobre a cultura mariñeira do Clube Martítimo A Reiboa.
Relacionadas:
-
Armadiña organiza un roteiro benéfico pola contorna de Combarro e as Fervenzas do Pereiro
Por Redacción |
-
París de Noia e El Combo Dominicano porán o broche de ouro ao verán en Poio
Por Redacción |
-
Fase final para a Festa do Mar 2021 con navegación tradicional e música
Por Redacción |
-
A Festa do Mar trasládase de Combarro a Raxó para a súa recta final
Por Redacción |
-
54 denuncias administrativas e unha xudicial durante a celebración do Armadiña e a Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Festa do Mar comeza en Combarro co Armadiña Rock e o encontro de embarcacións tradicionais
Por Redacción |
-
Control especial de seguridade en Poio con motivo da Festa do Mar e o Armadiña Rock
Por Redacción |
-
A segunda quincena de agosto trae a Festa do Mar ás parroquias de Combarro e Raxó
Por Redacción |