Boa Vida aposta pola formación para axudar as persoas a saír de situacións de vulnerabilidade
Por Mónica Patxot & Redacción
A relación entre a comunicación, a pobreza, a vulnerabilidade e o voluntariado centrou este venres o faladoiro que organizaba a Oficina de Dereitos Sociais da Asociación Boa Vida.
A xornalista Natalia Puga, de PontevedraViva, era a encargada de iniciar a sesión coa presentación da guía de estilo que edita a rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión (EAPN). Nesta publicación recóllense as claves que permiten analizar e entender as causas da pobreza e a exclusión, ademais de establecer as fórmulas para tratala.
Nesta guía recóllese como, sen mala intención, é empregado un vocabulario que perpetúa prexuízos relacionando ás persoas pobres con delincuentes, incapaces ou lacazáns. Indícase tamén que poucas veces se contextualiza de forma individual e colectiva estas situacións. Desde Boa Vida recomendan falar de persoas en situación de pobreza ou exclusión evitando outros termos como indixentes, esmoleiros ou transeúntes. Ademais, demandan aos medios de comunicación que se atenda sempre a fontes fiables e contextualizando as situacións, destacando aqueles casos de persoas que atravesaron este problema e conseguiron superalo.
Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida tamén demandou formación e a creación de ferramentas para que as persoas abandonen situacións de vulnerabilidade.
Neste sentido, a Escola de Verán de Boa Vida desenvolverase durante o luns 30 e o martes 31 de agosto con dous marcos de actuación, un irá destinado a adquirir e manter habilidades con obradoiros de canto e tambores, fomento da vida colectiva e análises persoais e de aprendizaxe.
O outro preséntase como un taller de emprego para crear estratexias que axuden a atopar traballo e formación. Durante os dous días desta Escola de Verán celebraranse comidas interculturais no albergue Raíña da Paz coa participación de persoas de 22 nacionalidades distintas.
A asociación tamén ten aberto o prazo de matrícula para a primeira edición da Escola de Bo Vivir, deseñada para persoas que queiran formarse en atención en punto de venda, en domicilios coa adquisición de coñecementos sobre atención personalizada a maiores, infancia ou servizos no fogar e sobre pintura e bricolaxe. Tamén se establece unha formación agro-gandeira para producir e comercializar produtos do campo.
Relacionadas:
-
Boa Vida presenta a súa Escola de Verán cunha aposta pola formación política e social
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
'Agasallas reciclado? Crea economía local', campaña de Nadal de Boa Vida
Por Redacción |
-
Pontevedra pide 1,6 millóns á Xunta para cofinanciar os servizos sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Boa Vida recibe a visita do director xeral de Inclusión Social
Por Redacción |
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |