'Agasallas reciclado? Crea economía local', campaña de Nadal de Boa Vida
Por Redacción
A asociación Boa Vida pon en marcha unha campaña para este nadal coa intención de recadar fondos para poñer en marcha proxectos de formación e de produción agrícola.
Baixo o título 'Agasallas reciclado? Crea economía local', a asociación solidaria quere motivar á cidadanía a que realice as súas compras axudando a persoas que o necesitan.
Pepa Vázquez, presidenta do colectivo, lembra que agora que as grandes marcas decidiron promover a reciclaxe e a reutilización, en Pontevedra xa existen tendas solidarias que levan a cabo esta iniciativa desde hai anos con produtos de máxima calidade debidamente seleccionados e postos ao dispor do público por persoas que se atopan en situación de pobreza e exclusión, previamente cualificadas pola Xunta de Galicia.
O material que máis chama a atención este ano é a reciclaxe de tea vaqueira para elaborar adornos de nadal e produtos como bolsos, mandilóns, coxíns e outros materiais para o fogar, ademais dos tradicionais xoguetes.
Boa Vida iniciou tamén unha actividade de formación, produción e comercialización de produtos agrícolas para que as persoas con menos recursos conten con alimentación e ademais poñan en marcha procesos de xeración de ingresos.
Está previsto que en xaneiro do próximo ano arrinque Vivir Co Rural, fomentando actividades formativas para promover unha sociedade e unha economía sostible. Boa Vida creará puntos de información e manterá entrevistas con persoas e colectivos para crear un grupo de "agricultos" que compartan terreos e coñecementos sobre a actividade agrícola para recuperar a forma tradicional de traballar no campo combinada con métodos actuais.
Para colaborar con Boa Vida pódense realizar doazóns, entregar xoguetes e produtos ou mercar nas tendas situadas en Santa Clara e A Seca, en Pontevedra, ou na Rúa San Roque de Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
Boa Vida, dez anos axudando a saír da pobreza e mellorar a sociedade
Por Redacción |
-
Dúas asociacións de Pontevedra únense para recoller xoguetes polo Nadal
Por Redacción |
-
O Nadal de Meaño homenaxea ao sector do viño
Por Redacción |
-
Boa Vida aposta pola formación para axudar as persoas a saír de situacións de vulnerabilidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |