Benestar Animal convoca dous cursos pioneiros para a boa cidadanía canina
Por Mónica Patxot & María José Pita
As prazas e espazos verdes de Pontevedra serán o escenario dos primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina que a Concellería de Benestar Animal promove a través do club canino Diverti Cans e no que se pretende que cans e humanos poidan convivir dun xeito natural na cidade.
"En Galicia é a primeira cidade onde un Concello aposta polo título de Bo cidadán canino", manifestaba Carlos Souto, monitor de Diverti Cans responsable de desenvolver a parte deportiva do curso.
Dos aspectos máis relacionais e de comportamento canino encárgase Diego Álvarez, educador canino que destaca a importancia de tratar o estrés dos cans, un factor que pode provocar malos comportamentos e que cun bo coñecemento da comunicación entre humano e can podería evitarse. Álvarez desenvolve o labor educativo e de difusión das interaccións cos cans a través de Diverti Cans e do programa Podcans en PontevedraViva Radio.
Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, explicaba que o curso desenvolverase durante tres meses cunha sesión semanal dunha hora todos os xoves a partir do 9 de setembro en dous grupos de 10 persoas co seu can. O primeiro grupo será de 20:00 a 21:00 horas e o segundo, a continuación, de 21:00 a 22:00 horas.
As clases desenvolveranse en varios escenarios, comezando polo campo de Agility, práctica deportiva na que realizan exercicio tanto os cans como os seus guías, que Diverti Cans ten no lugar de Couso, en Lérez, e rotando pola Alameda, Barcelos, praza de Europa en Monteporreiro, antigos terreos de Tafisa, parque Amalia Álvarez e praza da Constitución en Campolongo.
A inscrición é gratuíta e pódese facer no enderezo apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 627 937 281. Os requisitos de acceso son: estar censado en Pontevedra, que o can estea ao día na Cartilla Sanitaria de vacinación e desparasitación, que teña microchip, idade entre 8 meses e 3 anos, superar unha entrevista previa de conduta canina e non ser un can potencialmente perigoso.
Este último punto, aclaran os organizadores, é un requisito por lei, que "non permite manipular este tipo de cans". En todo caso, agardan que para vindeiras edicións, cos cambios legais previstos, se poida incorporar a este tipo de cans porque, pola súa experiencia, a etiqueta de "cans potencialmente perigosos non reflicte a realidade".
O programa que se vai desenvolver durante os tres meses de formación abarca todos os aspectos de interrelación entre os humanos e os cans e a convivencia en contornas urbanas. Os temas que se van tratar son: aceptar unha persoa descoñecida, saudar sentado a unha persoa descoñecida, apariencia e hixiene, camiñar xuntos, pasear entre persoas, sentarse-parar-tumbarse, resposta á chamada, relación con outros cans ou cadelas, reacción ante distraccións e separación supervisada.
‘BO CIDADÁN CANINO, BOA CIDADÁ CANINA’
Ao termo do curso haberá unha proba para obter o carné de aptitude e un chaleco/arnés. Os contidos desta avaliación serán os desenvolvidos durante a formación na que se traballarán as dez probas de comportamento esenciais.
Esta iniciativa encádrase dentro dun proxecto máis amplo que desde o mes de xuño vén desenvolvendo a Concellería de Benestar Animal a través de ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’, unha campaña para fomentar a recollida das deposicións e a limpeza dos ouriños nos espazos públicos, e que agora se completa cos primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina.
Relacionadas:
-
Os cans superan en número os nenos e tamén van á escola
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O segundo curso para a "boa cidadanía canina" incluirá un grupo para cachorros
Por Redacción |
-
Queixas polo mal estado do parque canino da Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Cursos gratuítos para as persoas que adopten un can na protectora de Campañó
Por Redacción |
-
Ofensiva municipal para acabar coas 'cacas' de can en parques e rúas de Pontevedra
Por Redacción |